Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/12/2015 | Actualizada ás 19:28
As candidatas de En Marea, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, números 1 e 2 por Pontevedra, visitaron o campamento dos mariñeiros do cerco diante da sede da Xunta, en San Caetano. Escoitaron a difícil solución dun colectivo que malia acusar o cansanzo de levar tantos días acampados se manteñen firmes nas súas reivindicacións. Son máis de 1000 as familias afectadas directamente pero son vilas mariñeiras enteiras as que están notando na súa economía a falta de actividade do cerco.
Alexandra Fernández comprometeuse a defender as reivindicacións dos mariñeiros do cerco no Congreso dos deputados. Sinalou que eran “de sentido común” e que ademais teñen o engadido de tratarse “dun sector que, coma todo o pesqueiro en xeral, é estratéxico para Galicia e que nin Feijóo nin Rajoy están a defender como é a súa obriga.”
Pola súa banda, Ángela Rodríguez sinalou que os problemas do cerco “non son algo illado senón que está a afectar por igual a outros sectores produtivos e a toda unha xeración que non atopa futuro na nosa terra.” Así mesmo, Ángela Rodríguez dixo que era necesario hilvanar todas estas loitas “nun relato común.”
Ao acto tamén asisitiron Juan Fajardo, deputado de Alternativa Galega de Esquerdas no Parlamento Galego, quen convidou aos mariñeiros a organizarse e seguir coas reivindicacións de xeito sostido porque “haberá que seguir loitando para frear a tentativa xeralizada de acabar coa pesca tradicional e cos pequenos buques a favor das grandes corporacións e da industria acuicultora.”
Lidia Senra, eurodeputada de AGEe, recolleu tamén as reivindicacións dos mariñeiros e vencellou este tipo de agresións á pesca galega “cun modelo de explotación dos sectores primarios moi agresivo que está a afectar tanto á pesca como á agricultura.”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.