O último proxecto no que traballou Neira Vilas aterrou con sorpresas no Culturgal

“Onde vai o vento?” está baseado nun poema de Uxío Novoeneyra no que colaborou o escritor.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/12/2015 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Un dos derradeiros versos de Xosé Neira Vilas está atesourado nunha xeitosa obra para nenos, escrita e ilustrada pola baionesa Irene Silva. Como un agasallo do destino, Onde vai o vento? abre cunha dedicatoria de Neira Vilas á autora, coa que estaba a traballar ademais nun proxecto colectivo até días antes do seu pasamento.

Presentación de Onde vai o Vento, de Irene Silva, obra na que participou Neira Vilas
Presentación de Onde vai o Vento, de Irene Silva, obra na que participou Neira Vilas | Fonte: Álvaro Peralta

Onde vai o vento é un conto canción baseado nun poema de Uxío Novoneyra , adaptado e ilustrado coas formas e cores das recoñecidas estampas e pinturas de Irene Silva. Foi presentado este domingo no Culturgal.

A obra inclúe a partitura de Vento Venteiro, para voz e percusión. Peza musical creada por Cantareiras, grupo infantil de percusión do Centro Cultural A Merced da parroquia de Chaín no concello de Gondomar. Todos eles estrearon a canción na presentación do libro que tivo lugar este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra, Culturgal 2015.

A edición de autor estivo a cargo de Bailarete e ademais da participación de Neira Vilas, estiveron involucrados no proxecto Rita Bugallo, Fátima Granja, Xaime Estévez e Uxío Novoeyra. 

Nova de Álvaro Peralta, de Valmiñor.info, correspondente de AMEGA no Culturgal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Irene Silva

Son Irene Silva e quero precisar a nova na que me incluídes. Quen lea o texto pode entender que Neira Vilas traballou neste proxecto, e non foi así. Este conto presenteillo a Neira Vilas para que me dese a súa opinión sobre el, que me animase ou correxise. É coñecido por todo o mundo o xeneroso e traballador que era. Agasalloume cuns versos para que me servisen de introdución. Agradecereillo sempre, como outras moitas cousas, mais non participou no proxecto nin creo que fose a derradeira colaboración que el fixo. Con respecto a Novoneyra quero darlle as grazas ao seu fillo Uxío, quen me deu permiso para utilizar o texto do pai no meu libro e que me serviu como fonte de inspiración para este traballo. Agradezo a Galicia Confidencial, en especial a Álvaro que me incluisedes como noticia, pero non quero (nin quixen en ningún momento) que pareza que a inclusión dos nomes destes grandes mestres supoñan máis do que realmente foron.