Gandeiros protestan en Ourense para reclamar medidas contra a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

En concreto, esixen que as axudas cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado, así como o reforzo dos servizos veterinarios da Xunta para que visiten canto antes as granxas afectadas

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/08/2024 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Gandeiros de granxas afectadas pola enfermidade hemorrágica epizoótica levaron as súas protestas este mércores ante a delegación da Consellería de Medio Rural en Ourense, onde pediron medidas urxentes polo aumento de casos desta doenza nas granxas galegas.

Demandan tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Agricultura a convocatoria inmediata de axudas prometidas, así como que se dote do orzamento suficiente para cubrir as perdas que esta enfermidade supón nas granxas.

En concreto, esixen que as axudas cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado, así como o reforzo dos servizos veterinarios da Xunta para que visiten canto antes as granxas afectadas. Na mesma liña solicitan a inclusión nas partidas do pago por lucro cesante, tanto dos animais que morran como daqueles aos que queden secuelas derivadas da enfermidade ou danos provocados de modo indirecto pola mesma.

A maiores, piden a creación por parte da Xunta dun gabinete de crise ante esta enfermidade e que se dote de persoal suficiente ás comarcas co fin de axudar ás gandarías afectadas. Tamén solicitan unha garantía de que a vacinación que recomendan desde a Consellería de Medio Rural é efectiva e sen efectos secundarios, e que se facilite desde a administración a suministración gratuíta, con servizos propios, a quen a queira pór.

"A situación é gravísima, a diario vemos como enferma máis e máis gañado e en moitos casos nin sequera é viable acceder a medicamentos, a persoal veterinario que faga probas ou a tratamentos", afean desde o Sindicato Labrego Galego, desde onde advirten que algunhas explotacións teñen máis do 80% da súa gandaría afectada, sendo a provincia de Ourense a que máis casos ten, con sete comarcas afectadas por tres de Lugo.

Brais Álvarez, da executiva do SLG, lembrou que o pasado luns mantiveron unha reunión coa consellería e lamenta "a falta de resposta", porque, di, "non concretaron medidas efectivas para dar solucións". Considera que "non quedou máis remedio que saír á rúa para pedir esas medidas porque a consellería o único que fixo é lanzar a pelota ao tellado do Ministerio, quen garda silencio ante axudas que prometen que chegarán pero aínda non sabemos nada".

Sinalan ademais desde o sindicato que nesta época están en plena campaña de recollida de herba seca e "as granxas non dan abasto" entre atender animais enfermos e esta actividade, polo que existe unha dificultade engadida.

20 MILLÓNS EN PERDAS

Agora mesmo é a provincia de Ourense onde "se observa que a enfermidade avanza de forma moi rápida e descontrolada" e "a incerteza e a preocupación" das granxas "é moi grande", pero a nivel de toda Galicia estiman desde o sindicato que o conxunto de perdas "pode chegar a superar os 20 millóns de euros" para todas as granxas que se verán afectadas, polo que tachan de "insuficiente" a orde de axudas ministerial de 15 millóns de euros para todo o Estado Español.

Samuel Formoso, responsable do sector da carne do sindicato e gandeiro, sostivo que é "un sinvivir", explicando que no seu caso tivo tres animais en tratamento e "por sorte casos graduados", pero "hai gandeiros que están a ter trinta casos simultáneos", polo que "moitos optan por fornecerlles auga con embudes e mangueiras" porque os animais afectados por esta enfermidade teñen "a lingua e as mucosas inflamadas, non poden comer nin beber e a maioría acaban morrendo por inanición".

"Só quen non viviu, coidou, alegrouse e se entristeció co gando non pode entender a situación de tensión, pesimismo, angustia e impotencia que vivimos centos de gandeiros estes días por mor desta enfermidade, que está a pór en xaque o noso futuro e as nosas granxas", subliñan os gandeiros.

Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle
Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta