Esta é a contudente sentenza contra un narco que quere gañar 20.000€ a costa de Galicia Confidencial

Un xulgado de Vilgarcía dálle a razón a este medio de comunicación. "Debe primar a liberdade de información sobre o dereito á propia imaxe", apunta a sentenza. "E unha sentenza novedosa xa que poucas veces nos encontramos con un pleito no que únicamente se reclama a vulneración do dereito a imaxe", destaca a avogada Lucía Silvosa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/10/2024 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Esta é a historia dun home sen oficio recoñecido, condenado por narcotráfico, que quere gañar 20.000 euros, máis intereses, denunciando a este medio de comunicación alegando intromisión ilexítima e vulneración no seu dereito á propia imaxe. Ese home chámase Carlos Silla, actualmente en Portugal cumprindo unha condena de 14 anos por tráfico de drogas, e pendente doutra condena de 15 anos en Galicia por delitos semellantes. 

Narcoveleiro co que o condenado Carlos Silla transportou case catro toneladas de cocaína
Narcoveleiro co que o condenado Carlos Silla transportou case catro toneladas de cocaína | Fonte: Policía

 

Afortunadamente, o titular do xulgado de Primera Instancia e Instrución número 3 de Vilagarcía, Pedro Gómez Pedraza, fallou en contra do demandante nunha contundente sentencia na que se recolle que "na ponderación de dereitos do presente caso debe primar a liberdade de información sobre o dereito á propia imaxe". En consecuencia, desestima integramente a demanda interposta, "por non producirse unha intromisión ilexítima no dereito á propia imaxe do actor, sen que proceda a eliminación da fotografía nin a atribución de indemnización algunha". Ademais de absolver a Galicia Confidencial, imponlle todas as costas do proceso ao demandante.

 

Pero, comecemos polo principio. Este señor, por non chamarlle narcotraficante condenado por sentenza xudicial, denunciaba a este medio por unha información publicada o 5 de xuño de 2023 baixo o título de "Carlos Silla, o sumiller que acabou cunha 'frota de veleiros' para o narcotráfico". E a denuncia non ía en contra do contido da nova, senón contra a imaxe que ilustraba a mesma. Tratabase dunha fotomontaxe na que se podía ver o iate intervido con 3.700 quilos de cocaína e unha foto súa nun curso de "sumiller" realizado na Escola Española de Cata anos antes.

Carlos Silla no xuízo no que foi condenado por narcotráfico
Carlos Silla no xuízo no que foi condenado por narcotráfico | Fonte: Cadena Ser

 

Na súa demanda, alegaba que a publicación da imaxe, realizada sen o seu consentimento, permite a súa identificación plena e "non garda relación algunha co contido da noticia que se publica, carece de carácter accesorio e, en definitiva, non vén amparada polo lexítimo exercicio do dereito á liberdade de información, senón que supón unha intromisión ilexítima no dereito a súa imaxe". 

 

CONDENADO REINCIDENTE

 

Pero resulta que este señor, que tanto quere protexer a súa imaxe, é un delincuente reincidente. En marzo deste ano era condenado a 15 anos de cárcere polo alixo do narcoveleiro Benirrás considerandose probado que estaba á fronte dunha organización de narcotraficantes. Unha sentenza que coñeceu nunha prisión en Portugal onde está cumprindo outra condena de catorce anos por outro transporte de droga de 5.200 quilos de cocaína.

 

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra considerou probado que Carlos Silla transportou máis de tres toneladas de cocaína no narcoveleiro Benirrás, unha droga que chegou á ría de Arousa en tres planadoras en marzo do ano 2020, en pleno confinamento pola pandemia da Covid-19. O tribunal provincial tamén lle impuxo o pago de dúas multas de 360 millóns de euros cada unha, como autor dun delito grave contra a saúde pública. Ademais, o tribunal considerou probada a súa vinculación con outros novos narcotraficantes da Arousa.

 

SENTENZA MOI ARGUMENTADA

Na sentenza, o xuíz rexeita a demanda contra Galicia Confidencial por varios motivos, o primeiro deles, que Carlos Silla, cuestiona unicamente a incorporación da súa imaxe no artigo xornalístico e as publicacións de redes sociais, pero non o contido en si mesmo da noticia. "Neste sentido, podemos afirmar que a información é veraz, en tanto que contrastada coa suficiente dilixencia, pois se limita a facerse eco das manifestacións realizadas no xuízo contra o agora demandante na Audiencia Provincial de Pontevedra por parte do representante do Ministerio Fiscal e do Xefe do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA)", apunta o xuíz. 

En segundo lugar, o maxistrado entende que a información que contén o artigo "é de evidente relevancia pública, xa que se refire ao enxuizamento do demandante como acusado por un presunto delito de narcotráfico" e, polo tanto, "é unha persoa con relevancia pública, ao ser investigado en procedementos penais por supostos delitos de tráfico de drogas". 

En terceiro lugar, a sentenza apunta que a información fornecida na noticia, así como a imaxe controvertida," resultan respectuosas da dignidade do demandante, sen facer ningún tipo de descualificación ofensiva máis aló da información sobre uns presuntos feitos delituosos que se atribuían presuntamente ao agora demandante e que estaban a ser xulgados no momento da publicación".

En cuarto lugar, o xuíz lembra que Silla "xa era unha persoa de relevancia pública cuxa imaxe fora publicada e resultaba coñecida para a opinión pública", como revelan as informacións relativas á súa persoa como presunto partícipe de actividades vinculadas ao narcotráfico, xa desde o ano 2021. Ademais, a foto en cuestión non é un acto especialmente privado, senón de carácter colectivo e proba diso é que dita fotografía estivo publicada na web da Escola Española de Cata, "como recoñece o propio actor na súa demanda, circunstancia que ademais tivo que producirse co seu consentimento porque pola contra non sería publicada no devandito portal".

En quinto lugar, "debemos afirmar que a fotografía non se atopa desconectada do contido da información difundida, senón intimamente relacionada con esta, o que tamén contribúe a excluír a existencia dunha intromisión ilexítima".  Unha afirmación que, ademais, garda relación coas declaracións do Xefe do EDOA en xuízo, das que se fai eco a noticia, afirmando que o demandante non tería ningunha actividade económica que explicase a orixe do diñeiro para levar a cabo un elevado volume de gasto en veleiros, iates, planadoras e pesqueiros. "Así pois, a imaxe do demandante  graduándose como catador inclúese para ilustrar precisamente cal sería a actividade laboral do demandante, ao efecto de informar sobre a ausencia dunha ocupación que xustificara os ingresos necesarios para as embarcacións que adquiriría para a súa presunta actividade delituosa (cuestión obxecto do proceso penal correspondente)", recolle a sentenza.

CONTUNDENTE RESOLUCIÓN

Por todo o exposto, o xuíz Pedro Gómez Pedraza, considera que  o contido da imaxe publicada, en relación co contexto da noticia na que se insere, ten a finalidade de informar sobre a ausencia de xustificación do importante patrimonio do demandante. Polo tanto, "na ponderación de dereitos do presente caso debe primar a liberdade de información sobre o dereito á propia imaxe daquel".  

Con todo, o señor Silla e o seu avogado non quedaron nada contentos con esta resolución e acaban de recorrela á Audiencia Provincial e, en última instancia, se tamén perden, esta causa podería entrar no Tribunal Supremo en casación. Ademais, aínda está pendente no mesmo xulgado que se resolvan outras demandas do mesmo narcotraficante contra outros dous medios de comunicación polo mesmo motivo.

Previamente a esta sentenza, o Ministerio Fiscal tamén se opuxo á demanda, por entender que a noticia facía mención expresa ao pasado do demandante como catador, sendo a imaxe controvertida, que aparece xunto a outra dunha embarcación, ilustrativa do que se pretendía comunicar, "o que á súa vez era veraz e contaba con interese público". Así mesmo, o Ministerio público engadiu que ningunha vulneración de dereito fundamental había, dado que a imaxe fora previamente publicada en Internet e noutros medios de comunicación".

Sobre este fallo, a avogada defensora deste medio, Lucía Silvoso, sinala que quedou "moi satisfeita xa que está moi ben fundamentada", e lembra que o ministerio fiscal tamén pediu a súa desestimación. "Ainda que cremos que sexa recurrida na Audiencia Provincial confiamos en que sexa confirmada", indica.

"E unha sentenza novedosa xa que poucas veces nos encontramos con un pleito no que únicamente se reclama a vulneración do dereito a imaxe, pois en xeral se reclama tamén ataque  á intimidade ou ao honor.  O Xuiz considerou que o dereito a liberdade de información prevalece sobre a imaxe do litigante, pois a información era veraz, tiña relevancia informativa e conexión co resto da información do reportaxe", asegura.

OUBIÑA

 

Este mesmo xulgado foi o que hai uns meses tamén desetimou a demanda interposta por outro exnarcotraficante, Laureano Oubiña, quen consideraba que a serie Fariña, baseada no libro homónimo de Nacho Carretero, vulneraba o seu dereito á honra porque o personaxe que o encarnaba a el "identificado co seu nome" presentábase como un "matón violento e vengativo", unha imaxe que di que lle impide reinsertarse na sociedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Alegrámonos da Sentenza, e parabéns á avogada de GC ! Levamos anos de retardo no dereito a unha información veraz que IDENTIFIQUE con claridade aos "narcotraficantes" e demáis delincuentes (especialmente os asasinos de mulleres!) que parecen ter tódolos dereitos a gardarse dos ollos públicos, cando son eles os primeiros en amenazar á cidadanía cando son pillados na allada... Así o silencio os protexe máis alá de calquera dereito de imaxe que sen dúbida é un puro ABUSO sobre o Dereito á Información ! Noraboa e ogallá esta sentenza sente xurisprudencia dunha vez por todas !