Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2024 | Actualizada ás 21:00
Madeira galega e fibra téxtil 100% biodegradable, dunha resistencia moi similar á do poliéster pero moi superior á do algodón. Así vende Greenfiber o Lyocell que producirá Altri na súa planta de Pas de Rei. É parte da campaña social e mediatica que a empresa está a lanzar para tentar convencer das vondades desta empresa.
A empresa suliña que investirá máis de 1.000 millóns de euros, creará ao redor de 500 empregos directos nunha planta que funcionará as 24 horas seguidas. Argumentos utilizados xa pola Xunta para destacar a importancia económica desta factoría que fabricará dous produtos finais a partir da madeira: fibras solubles para aplicacións téxtiles e o Lyocell, unha fibra téxtil coa mesma base celulósica.
MONTES GALEGOS
Por iso, a principal materia prima sera celulosa procedente de bosques galegos. Pero a empresa lusa insiste que que non implicará un aumento da superficie de plantacións de eucaliptos por dúas razóns: "non é necesario e, ademais, está prohibido por lei". Utilizarán o que xa hai, que non é pouco.
A pasteira lusa asegura que contribuirán a que parte dos 2,4 millóns de metros cúbicos de madeira que se exportan cada ano, queden en Galicia. O que non explica é como se fará para tratar todo ese material tratado nin as consecuencias ecolóxicas que traerá para os ecosistemas da contorna e o ría Ulla. "O proxecto Gama, permitirá que parte desa madeira quede e sexa transformada en Galicia, aumentando en consecuencia o valor engadido que queda no territorio", asegura.
PROBLEMAS DA INDUSTRIA DA MODA
Con todo, a propia empresa recoñece que a industria téxtil da UE produce actualmente 12,6 millóns de toneladas de residuos téxtiles ao ano e cada persoa 12kg de residuos en vestiario e calzado. Por todo iso, a industria da moda ocupa o 4º lugar en alteracións climáticas, o terceiro en consumo de auga e uso da terra e o quinto en utilización de materias primas e emisión de gases. "De feito, a pegada de carbono da industria da moda (10%) é maior que as emisións de todos os medios de transporte internacionais á vez", admite. Ademais, xustifica que, aínda que nos últimos 15 anos a produción de téxtiles duplicouse, o período de tempo de uso diminuíu un 30% e compra un 60% máis de roupa que hai 15 anos.
O PROXECTO GAMA
Por iso, defende o seu proxecto GAMA que "permitiu deseñar un proxecto esixente medioambientalmente, completo e integrado que contribuirá a pór en valor o monte galego, ademais de situar a Galicia como referente na produción de fibras téxtiles de orixe natural e 100% biodegradables".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.