Marta Piñeiro, subdirectora xeral de Saúde Pública sobre as vexigas do mono: "Na nosa comunidade o risco é baixo"

Desde o Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades lanzan unha mensaxe de tranquilidade.

Por Amanda Fernández | Lugo | 21/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Durante as últimas semanas un non deixa de escoitar falar das vexigas do mono ou mpox, o virus que ocasiona esta enfermidade rara. A alerta comezou cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) o 14 deste mes anunciaba, a través do seu director xeral, que declaraba unha emerxencia de saúde pública. Considerada de importancia internacional polo brote de variola símica (mpox) na República Democrática do Congo e un número crecente de países en África. A partir dese intre sucedéronse as novas centradas nesta enfermidade, pero en que consiste exactamente? "É unha zoonosis, unha afectación que comeza case sempre pola pel, cunhas pústulas con líquido ventricular, que pode ocasionar febre, dores musculares, inflamación de ganglios... Presenta un período de incubación que pode ser de ata tres semanas ou 21 días", así o define Marta Piñeiro, directora do Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades e subdirectora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Así, indica que pese a se unha zoonosis, unha enfermidade que se transmite de animáis a persoas na súa orixe, no contexto actual no que nos estamos movendo, a transmisión "que se está a dar é entre persoas". 

Vexiga do mono
Vexiga do mono | Fonte: OC

A pregunta máis repetida durante estes días é: hai que preocuparse tras esta declaración de emerxencia internacional? Piñeiro apela a unha mensaxe de tranquilidade porque indica que o que declarou a OMS fai referencia a unha situación que se está dando nalgunhas zonas de África. No caso de España e Europa, "o risco desta enfermidade é baixo" e contabilízanse casos desde o 2022. Segundo indica en Galicia desde aquela houbo un total de 130 casos, dos cales 122 foron no ano 2022, dous o ano pasado e seis neste 2024. "Estes seis casos producíronse entre os meses de febreiro e marzo e non pertencen ao clado ou variante que está causando esta emerxencia internacional", afirma. Porén, tamén destaca que ante a mobilidade que hai hoxe en día a nivel mundial, é posible que se poida dar aquí "algún caso importado", polo que hai que tentar "estar preparados". Con todo insiste en que na comunidade "o risco é baixo". 

VACINACIÓN PARA OS GRUPOS DE RISCO 

Sobre a transmisión ou forma de contaxio, Marta Piñeiro comenta: "A epidemioloxía deste abrocho non mudou desde os inicios, estase dando principalmente en situacións e prácticas sexuais de risco, sen protección algunha nas relacións sexuais. A transmisión probada e demostrada é de contacto directo e estreito, de pel con pel ou contacto con secrecións infectadas. Porén, non se descarta unha transmisión por boca, aínda que é bastante remota".

Cando existe un panorama así sempre se pensa nas vacinas. Expón que desde o inicio está indicada a vacinación en determinados grupos de risco, tanto de maneira "postexposicións" para todas aquelas persoas que son consideradas contactos estreitos de casos, como tamén hai unha vacinación "preexposición" para aquelas persoas que teñen prácticas sexuais de risco ou que polo seu traballo poidan estar en contacto con casos, o persoal sanitario. Para todos estes colectivos xa se ofrece a vacina e en Galicia segundo cifra hai xa 1420 persoas vacinadas e estase a reforzar para completar a pauta e ir ofrecendo a vacinación a estes grupos obxectivos. 

Como nos preparamos por se a situación muda? "Temos o sistema de vixilancia integrado en todas as áreas sanitarias, os profesionais informados, de maneira que, en canto unha persoa cumpra coas características que poidan facer sospeitar dun caso xa se inicia o mecanismo, con recollida de mostra e tratamento de soporte. O risco aquí é baixo e non terá unha elevación de casos importante. Na detección o primeiro é a sospeita polos síntomas da persoa, logo o contacto cun caso confirmado, así tómase a mostra de vesículas e faise unha PCR". 

"NON TEN AS CARACTERÍSTICAS DUNHA ENFERMIDADE COMO A COVID"

A declaración de emerxencia sanitaria internacional da OMS trae malos recordos pasados a cando a Covid cambiou a vida de todo o mundo durante un longo período de tempo. Pode repetirse algo así coas vexigas do mono? Marta Piñeiro volve incidir en trasladar unha mensaxe de tranquilidade, xa que non se trata dunha enfermidade de "transmisión respiratoria", aínda que existe unha posibilidade "moi remota" de que se transmita por esta vía. Polo de agora os casos que se están dando son por contacto estreito, tanto en España como Europa, e por iso "non ten as características dunha enfermidade como a Covid". A recomendación é que as persoas que poidan estar dentro de colectivos de risco se vacinen e para o resto da poboación, no caso de apreciar algún destes síntomas, consultar ao médico de Atención Primaria. 

"Aquí os casos que se están dando ou se deron foron leves, ningún tipo que ingresar en UCI nin houbo falecemento", indica. Fai fincapé na importancia de protexer as lesións na pel e evitar o contacto con elas. É necesario o illamento estrito no caso de ser positivo? "O illamento estrito da persoa estaría só indicado no caso dunha afectación das vesículas moi extendida por todo o corpo que non permitise poder tapalas. É certo que as persoas que son positivo deberían extremar as precaucións, evitar interaccións sociais durante tres semanas, como máximo, hixiene de mans... Non habería illamento estrito salvo que as vesículas estean moi xeralizadas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta