O BNG pide a Xunta que reaccione ante as mortes laborais e que axilice o traspaso de Inspección de Traballo

O Bloque lembra que, ademais das mortes do Argos Georgia, en tan só 15 días morreron catro persoas facendo o seu traballo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/08/2024 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O BNG denunciou este venres en rolda de prensa as cifras récord de sinistralidade laboral e reclamoulle ao PP a solicitude formal do traspaso da Inspección de Traballo e Seguridade Social a Galicia, tal e como se acordou no Senado o pasado mes de marzo. O deputado encargado da área de Emprego, Ramón Fernández Alfonzo, acusou á Xunta de Alfonso Rueda de “autocompracencia” e de “falta de iniciativa” e esixiulle que faga cumprir a normativa de Prevención de Riscos laborais, competencia do Goberno galego.  

Helicóptero medicalizado nun accidente laboral nas Pontes
Helicóptero medicalizado nun accidente laboral nas Pontes | Fonte: @HELICOSANTIAGO - Arquivo

Os datos oficiais do Ministerio de Traballo recollidos ata o pasado mes de xuño colocan a Galiza entre as tres Comunidades Autónomas con máis mortes, con 30 falecementos por causas laborais. É por iso que o BNG vén de rexistrar unha interpelación ao Conselleiro para preguntarlle sobre a sinistralidade laboral no noso País. 

A estes datos súmanse, despois do mes de xuño, outras catro persoas falecidas no afundimento do Argos Georgia nas Malvinas, e neste último mes de agosto, en tan só 15 días, faleceron outras catro persoas facendo o seu traballo. Segundo o deputado, a Xunta do PP “presume” de reducir a mortalidade durante o ano 2023, omitindo que as cifras de 2022 son extremadamente elevadas por causa do naufraxio do Vila de Pitanxo, no que morreron 21 persoas.

Para Fernández Alfonzo, os últimos acontecementos, “colócannos diante dunha nova vaga de mortalidade laboral” e veñen constatar que a sinistralidade en Galiza “está instalada en cifras récord dun xeito estrutural”, advirte. Lamenta ademais que as caídas desde tellados e as que acontecen no sector forestal continúan repetíndose.

O deputado nacionalista cualifica a última resposta escrita estes pasado mes de xullo por parte do Goberno galego ás preguntas do BNG sobre sinistralidade como “unha boa mostra desa autocompracencia”, así como dunha” falta de iniciativa política absoluta”, e salientou que esta nova vaga de mortalidade laboral, por causas e en sectores recorrentes, “deixan á vista os dramáticos resultados deste comportamento da Xunta”.

Fernández Alfonzo acusa a Xunta do PP de facer “oídos xordos a todas as chamadas de atención sobre o feito de que a normativa sobre PRL non se cumpre”, xa que - aclara- só existe apenas a nivel documental e aparencial, e recrimínalle que fai “como se isto non se soubese” incorrendo así nunha “gravísima irresponsabilidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta