O novo proxecto para Santa Clara é "o mesmo" que o exposto o ano pasado, din desde o Concello de Pontevedra

Hai que ter a vista fina para ver diferenzas", di o concelleiro de Infraestruturas e portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2024 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O goberno local de Pontevedra mostrou a súa "sorpresa maiúscula" tras coñecer o novo proxecto de rehabilitación e ampliación do recinto conventual de Santa Clara, porque é "exactamente o mesmo" que o presentado hai 15 meses. Unha vez que o documento foi aprobado por Patrimonio, o pasado 22 de xullo, a Deputación provincial solicitou ao Concello a licenza de obra para poder intervir no convento.

O concelleiro de Infraestruturas e portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, compareceu este luns en rolda de prensa para explicar que este proxecto é, ao seu xuízo, idéntico ao presentado polo estudo madrileño Nieto Sobejano, gañador do concurso de anteproxectos para rehabilitar o convento de Santa Clara e convertelo na sétima sede do Museo de Pontevedra.

Hai "axustes mínimos" no proxecto actual en relación con aquel deseño titulado 'Verbas da pedra', do equipo de arquitectos dirixido por Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano. Se antes a edificabilidade total era de 6.950 metros cadrados, agora é de 7.047.

Mosquera convidou á cidadanía a xogar ás sete diferencias buscando os detalles polos que se poden distinguir os proxectos de agora e o de entón. "Hai que ter a vista fina para ver diferenzas", dixo o concelleiro que destacou que no novo proxecto mantense o centro arqueolóxico e as instalacións soterradas que levaron ao actual vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez (PP), a denunciar a "vandalización dos xardíns".

As instalacións soterradas si que contemplan un soto máis dos dous xa previstos, cunha profundidade por baixo da cota do río Lérez. "Non estaría mal que retirase esas acusacións de vandalizar", comentou o edil nacionalista sobre as declaracións do popular Rafa Domínguez.

Tamén permanece no novo proxecto o baldaquino da entrada coas dimensións establecidas desde o principio, 18 por 18 metros, mesmo contempla as mesmas demolicións e non avanza moito máis no deseño básico da entrada aos xardíns desde a praza de Barcelos.

Mosquera volveu a tender a man ao goberno provincial para que "conten coa nosa colaboración" para sacar este proxecto adiante e lembrou a "historia negra" do Partido Popular na Deputación "á hora de sacar adiante edificios complexos" como o Estadio de Pasarón ou o Edificio Castelao do Museo, segundo citou.

"O que nos preocupa é que isto non leva bo rumbo", dixo César Mosquera cre que a Deputación de Pontevedra, "ao ritmo que van tardar moitos anos en sacalo" e que, debido a que "seguen sen estar resoltos algúns problemas" polo que "o proceso de tramitación e de execución pode ser atroz".

Agora, o Concello de Pontevedra ten tres meses para aprobar ou rexeitar a solicitude de licenza de obra.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta