Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2024 | Actualizada ás 17:08
Tres operarios resultaron feridos tras registarse unha explosión no depósito dunha nave en Boiro, segundo informou o servizo de emerxencias 112, que precisou a Europa Press que se produciu cando estaban a mesturar materiais para a fabricación de poliuretano.
Foi no polígono da Espiñeira como resultado dunha detonación, sen que se chegasen a rexistrar chamas nin un incendio, matizaron. O aviso recibiuse no 112 Galicia sobre as 15.25 horas por parte de Urxencias Sanitarias-061, que trasladou ao lugar varias dotacións para atender aos feridos.
Un deles foi evacuado en helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con lesións máis importantes, indicaron desde o 112, que engadiron que este traballador chegou a quedar inconsciente. Os outros dous foron trasladados ao Hospital de Barbanza.
Ao lugar desprazáronse tamén Bombeiros, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil. Desde o Consorcio contra Incendios, ratificaron tamén que houbo unha explosión no citado depósito, pero que non causou incendio. Á súa vez, desde Urxencias Sanitarias-061 confirmaron que á nave desprazouse o helicóptero medicalizado, o equipo de Atención Primaria de Boiro e dúas ambulancias de soporte vital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.