Por francisco Trigo Durán | Cambados | 14/12/2015
Quen así actúa non vai conseguir que renunciemos, equivócanse e trabúcanse de inimigo, nós tamén queremos máis cota e un TAC amplo, a reclamar por todos onde corresponda. Agora, que ninguén se engane, sexa o método de reparto o actual, ou calquera outro baseado en criterios socioeconómicos, potencias, etc., a cota terá que ser individual, mentres exista TAC. O único xeito de xestionar as empresas, cada barco é unha, pasa por xestionar do mellor xeito posible o que un ten, ou, alguén coida que volver ao tope diario até esgotar o TAC, é o sistema mais xusto, ou é que é igual un barco de cinco que un de doce tripulantes? Si o acordo de reparto foi malo, non é responsabilidade nosa, non estabamos alí, outros si.
Recibimos a cota en función das vendas declaradas no período analizado, non somos responsables de que non teña suficiente quen pescaba coma calquera, presumindo diso, e agora non ten cota, algo pasou. As nosas cotas, coinciden basicamente cos nosos dados, aínda, que a dia de hoxe seguimos revisando os nosos diarios de pesca. Outra cousa é os casos inxustos, que haxa, ou, de adaptación a circunstancias individuais extraordinarias, pero non se resolverá queimándonos aparellos, ao contrario. Nós reivindicaremos e consideramos xusto que se revisen eses casos que haberá, agora quen se queixa de cota e na actualidade está a modernizar e ampliar a súa embarcación, non pode reclamarnos nada, pois nada lle temos que dar.
Opino que foi un erro, que pagamos, repartir no novo sistema o TAC por comunidades, responsabilidade de quen o pediu, eu non estaba alí, outros si. Eu quero máis TAC e máis cota para ser rendíbel e sostíbel, mais non vou recorrer á vía da sabotaxe aos outros, nas guerras sempre hai damnificados e o que é peor mortos. Pola vía da queima dos nosos aparellos ou de outros, ninguén vai ter máis cota, non sigamos por ese camiño e non rompamos a lei non escrita do mundo mariñeiro: non se ataca os barcos, non se sabe quen che vai votar unha man no mar, caso de perigo. Se o resto teñen dereito a xestionar como queiran, é unha opción, nos tamén e tamén reclamamos mais cota para todos incluídos nós, aí encontrarémonos.
Francisco Trigo Durán, é avogado e representante de Percebellos CB
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.