Por Galicia Confidencial | Madrid | 15/12/2015 | Actualizada ás 18:26
A cúpula de Caixanova volve novamente ao xulgado. Seis dos membros da cúpula da antiga Caixanova, entre os que se atopa o seu expresidente Julio Fernández Gayoso, declararon este martes na Audiencia Nacional na investigación por unha operación inmobiliaria por valor de 67 millóns de euros na localidade madrileña de Rivas Vaciamadrid.
A xuíza Carmen Lamela investiga, en concreto, o posible prexuízo patrimonial á extinta Caixanova e á financeira inmobiliaria da caixa, Proinova. Unha investigación que se fai logo de ser admitida a trámite unha denuncia da Fiscalía Anticorrupción en relación a esa operación inmobiliaria, que tivo lugar entre 2007 e 2010. Entón realizouse un préstamo para a compra “dunhas leiras" por valor de 67 millóns que terminou cunha dación en pago ao entrar en crise os prestatarios.
O seis membros da antiga cúpula da entidade financeira, que declararon en calidade de investigados, argumentaron ante o xuíz que a operación foi "controlada e axustada á lei" e realizouse "en beneficio da caixa".
Fernández Gayoso era por entón o presidente da comisión delegada de Caixanova. Tamén compareceron José Luís Pego, Gregorio Gorriarán (conselleiro delegado de Proinova), e Domingo González Mera, así como Miguel Aragonés Rodríguez e Delfín Ferreiro Rodríguez, vogais da comisión delegada de Caixanova nesa data. Nos vindeiros días están previstas outras comparecencias de altos cargos da ex caixa e de empresarios.
Precisamente, algúns dos investigados por esta causa tamén foron condenados a 2 anos de cárcere pola súa xestión en Novacaixagalicia, a entidade que xurdiu da fusión Caixanova e Caixa Galicia. Entre eles, están Gayoso, José Luís Pego e Gregorio Gorriarán, por delitos de administración desleal e apropiación indebida polo cobro de prexubilacións millonarias, que ascenderon a 14 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.