O aumento do paro en agosto desvela a necesidade de reformas laborais

CIG e CC.OO. criticaron a falta de avances no cambio de modelo produtivo e reclamaron medidas para reducir a brecha de xénero no mercado laboral.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/09/2024 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG e CC.OO. advertiron este martes, tras coñecerse os datos do paro en agosto (cun aumento de 633 persoas desempregadas en Galicia), que non se albisca un cambio de modelo produtivo e que se evidencia un esgotamento na creación de emprego debido a un sistema que se basea no traballo precario.

Así, a CIG puxo o foco na perda de cotizantes con contrato indefinido e no aumento de contratos temporais, e sinalou que as cifras de agosto reflicten "un esgotamento na posibilidade de crear emprego", debido a un modelo "baseado no traballo precario", especialmente nos ámbitos do turismo e os servizos. O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío referiuse tamén á "trampa" do contrato fixo-descontinuo, e alertou de que a patronal "perdeu o medo" a este tipo de contratos, e agora "abusa" deles para evitar os contratos indefinidos.

Pola súa banda, desde CC.OO. sinalaron que, a pesar da subida do paro, o dato de desempregados (118.678 en agosto) "segue entre os máis baixos da serie histórica" e a caída da afiliación á Seguridade Social é menor que no conxunto do Estado. A secretaria de Emprego de CC.OO.-Galicia, Maica Bouza, valorou que os datos "son positivos" pero advertiu que, se se comparan cos datos de agosto de 2023, "a situación do emprego é significativamente peor".

Na parte negativa, tamén se referiu ao aumento do desemprego entre as mulleres, o que acrecente a brecha de xénero no mercado laboral galego. Igualmente, lamentou o descenso (do 31,2 %) na contratación indefinida.

Con estes datos, advertiu, o cambio de modelo produtivo que necesita Galicia, "baseado en actividades como a educación ou as profesionais, científicas e técnicas", "non se albisca" e reclamou ao goberno da Xunta que "deixe de mirar cara a Madrid" e centre os seus esforzos en elaborar uns orzamentos para 2025 "que non deixen a Galicia fose do cambio de modelo produtivo".

"ESTABILIZACIÓN" DO MERCADO LABORAL

Mentres, o sindicato UXT puxo en valor que os datos do paro confirman que a última reforma laboral "marcou un antes e un despois", e que se constata a tendencia de que os contratos indefinidos gañen máis peso. Tras apuntar que o dato de desemprego de agosto é dos máis baixos da serie histórica, UXT concluíu que se produciu unha "estabilización do mercado laboral en torno ao traballo estable e de calidade".

Por iso, subliñou, "é o momento de continuar avanzando (...), modificando as cuestións que quedaron pendentes". Respecto diso, instou a reformar a normativa relativa aos despedimentos e urxiu ao Goberno a convocar o Diálogo Social para adaptar a lexislación española á normativa europea, fixando unha indemnización por despedimento "plenamente resarcitoria do dano causado" e recuperando, entre outras cuestións, os chamados salarios de tramitación.

Arquivo - Operarios no Porto de Burela (Lugo). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Operarios no Porto de Burela (Lugo). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta