Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 14:31
A Xunta "cumpriu os obxectivos" financeiros do ano 2023, que se pechou cun déficit do 0,18% sobre o PIB, case tres puntos menos que en 2022, e unha débeda pública do 16,1%, a taxa "máis baixa desde 2012".
Son datos que figura na Conta Xeral de 2023, que este luns se abordou na reunión semanal do Goberno autonómico e da que informaron en rolda de prensa o presidente, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Neste contexto, o máximo mandatario reivindicou que Galicia "non só foi das comunidades que cumpriu os obxectivos de déficit e débeda", senón que é "das que lidera o período medio de pago a provedores", con 14,82 días fronte aos 27,87 días de media de todas as autonomías. En palabras de Rueda, isto quere dicir que a Xunta "achega certezas e confianza a cidadáns e empresas".
"O RIGOR" DOS ORZAMENTOS DA XUNTA
Miguel Corgos foi o encargado de dar máis detalle sobre a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2023, que demostra "o rigor no que se sustentan" os orzamentos elaborados pola Administración autonómica. Así mesmo, o conselleiro subliñou como as finanzas galegas reservaron en 2023 ao redor do 9% dos seus ingresos correntes (1.089 millóns) para financiar operacións de capital que "contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo".
En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 17% do total do gasto non financeiro a investimentos. En base a todos estes indicadores, Corgos reafirmou que a Xunta aposta por un crecemento baseado en "o cumprimento" dos obxectivos de déficit e de débeda, á vez que permite ter "marxe de gasto" en investimentos, servizos e pagos a provedores.
Nesta mesma liña, o presidente da Xunta confirmou que os orzamentos para 2025 xa están "en fase de elaboración", algo que se está facendo "con sentidiño" para "dentro dun ano poder acreditar cifras tan destacables" como as da Conta Xeral de 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.