Unha campaña poñerá en valor a 'calidade e características únicas' da lousa galega

Impulsada pola Agrupación Industrial da Lousa de Galicia, esta acción busca consolidar a imaxe, a comunicación e o relanzamento do sector da lousa.

Por Galicia Confidencial | Sobradelo de Valdeorras | 27/09/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O lema escollido para a campaña de relanzamento da lousa galega é “Para toda a vida. Estética, duración e sustentabilidade ambiental”.  Con el póñense en valor tres características principais desta roca, a súa sustentabilidade, estética e durabilidade, subliñando a lonxevidade dun material natural, respectuoso co medio ambiente, e cuxa resistencia e calidade mantéñeno en óptimas condicións ao longo do tempo, contribuíndo á construción de fogares duradeiros e atemporais.

Víctor Cobo, presidente do Clúster, e Severino González, xerente. Foto: Prensa Clúster d a Pizarra de Galicia.
Víctor Cobo, presidente do Clúster, e Severino González, xerente. Foto: Prensa Clúster d a Pizarra de Galicia.

CAMPAÑA DE COMUNICACIÓN

Co fin de chegar ao público galego da forma máis efectiva posible, a comunicación dirixirase ás principais televisións, radios, xornais, e medios dixitais das catro provincias de Galicia. Segundo explicou o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, "non se pode perder de vista ao público especializado do sector ao que pertence, o que lle esixe promocionar a súa imaxe e a das empresas que o constitúen, a través das revistas e webs especializadas máis destacadas no mundo da construción”.

Nese senso, resulta importante para o sector promover, con publicidade e reportaxes, o valor da lousa nas revistas e webs dos colexios de arquitectos e arquitectos técnicos de toda España, porque estes profesionais serán, en palabras de Víctor Cobo, “os colectivos prescritores de material de construción máis importantes”.

PATROCINIOS E ACCIÓNS DIVULGATIVAS

Ademais, a agrupación industrial participa no patrocinio de actividades dos seus prescritores, como por exemplo a mostra “Nova Arquitectura Galega”, promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, COAG; na organización de conferencias técnicas na Escola de Arquitectura e Arquitectura Técnica, e na realización de visitas de estudantes e profesores ás empresas extractivas do sector louseiro.

Os mencionados relatorios serán unha ferramenta para tratar de conseguir un maior coñecemento da lousa por parte dos alumnos, que se completará coa experiencia de coñecer de onde vén e como se extrae o produto en orixe, o que lles axudará a apreciar o seu valor.

COLABORACIÓN E ACCIÓN SOCIAL 

“A promoción social é outro dos eixos crave da nova campaña da Agrupación industrial da Lousa de Galicia”, asegurou Víctor Cobo na presentación.

Trátase de potenciar a presenza do sector en ámbitos importantes da sociedade impulsando accións colaborativas como son “o patrocinio dalgúns dos clubs de fútbol máis representativos da área de influencia á que pertence”, como son o Centro de Deportes Barco, o Club Deportivo Rúa e o C.F. Quiroga.

Na campaña tamén se valora a posta en marcha dun concurso que premie as mellores obras realizadas en lousa, sempre que este material sexa o elemento fundamental da construcción tanto en fachada como en cuberta.

Finalmente, e pensando tamén na prevención e loita contra as enfermidades profesionais, o Clúster da Pizarra de Galicia ten pensado organizar xornadas técnicas nas que se traten estes e outros temas de interese para o sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta