Pontón destaca en México a "débeda pendente de recoñecemento" aos galegos exiliados durante o franquismo

Tamén asistirá ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda, destacou na súa primeira xornada da súa viaxe a México que comprobou que "hai unha débeda pendente de recoñecemento" á xeración que tivo que marcharse de Galicia "polas súas ideas" durante o franquismo.

Tal e como trasladou o Bloque nunha nota de prensa, Pontón mantivo diferentes encontros con galegos residentes en México, entre os que se atopaban Luciano e Elvira Concheiro, que ocupan cargos de responsabilidade no actual goberno do país; María Anxos Comesaña, poetisa e experta cultural e filla de Chonchiña e Paco, os protagonistas da obra de Manuel Rivas 'O lápis do carpinteiro'; Manuel Rodríguez Viqueira, profesor de arquitectura na Universidade Autónoma de México; ou a familia de Elixio Rodríguez, membro das Mocidades Galeguistas.

Así, Pontón constatou "o forte vínculo" con Galicia que conservan mesmo "segundas e terceiras xeracións de galegos" que, engadiu, "seguen mantendo esa identidade, esa raíz coa nosa cultura".

"Sería necesario que fixésemos un maior recoñecemento e homenaxe", reivindicou Pontón, que apostou por recuperar esa parte da historia, xa que "é unha forma non só de homenaxear a quen deu a vida por defender a democracia", senón tamén "unha maneira de contribuír a que nunca máis volvamos ter unha relación así".

Do mesmo xeito, a líder do BNG puxo en valor o "interese de moitas destas persoas" por investir en Galicia, polo que representan "unha oportunidade de investimento" e supón "un retorno que pode xerar máis progreso".

Estes encontros enmárcanse na axenda que Pontón e Miranda desenvolven en México e que inclúe distintas reunións coa colectividade galega, con empresarios e con distintos colectivos do ámbito político e social. Ademais, tamén asistirán ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en México.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en México.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta