Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a cuarta edición dos premios 'Mulleres no Foco'

Buscan "incentivar, apoiar e recoñecer" a traxectoria e papel das profesionais galegas do sector audiovisual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Ata o próximo 21 de outubro está aberto o prazo para a presentación de candidaturas para a cuarta edición dos premios 'Mulleres no Foco', promovidos pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA).

O Pazo Provincial acolleu este luns o anuncio destes galardóns nunha rolda de prensa coa deputada de Igualdade, Sandra Bastos; a delegada de CIMA en Galicia, Nati Juncal, e a delegada adxunta, Elena García Román.

Sandra Bastos lembrou que os premios 'Mulleres no Foco' buscan "incentivar, apoiar e recoñecer" a traxectoria e papel das profesionais galegas do sector audiovisual e "facer que cheguen ao conxunto da sociedade".

O último informe anual de CIMA desvela que as mulleres ocupan menos do 40% dos cargos de responsabilidade no sector audiovisual e só o 37% das longametraxes están dirixidos por mulleres.

A deputada provincial responsable da área de Igualdade considera que "é fundamental construír referentes" para as mozas que queiran dedicarse ao audiovisual, e "romper" coas cifras actuais de representatividade feminina nesta industria.

A gala de 'Mulleres no Foco' celebrarase antes de que acabe este ano. En total entregaranse tres premios, cunha dotación económica de 5.000 euros cada un.

Na primeira edición destes premios, no ano 2021, foron galardoadas Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez. Ao ano seguinte, no 2022, os premios recaeron en Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira e na do pasado 2023 recoñeceron a Mariña Carballal, María Vázquez e Beli Martínez.

Poderán propor candidaturas as entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que, pola súa natureza, fins ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual.

Margarita Ledo, premiada na primeira edición de Mulleres no Foco - USC
Margarita Ledo, premiada na primeira edición de Mulleres no Foco - USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta