Matrimonios en Galicia: cásase menos a xente nas cidades que no rural?

Isto é o que din os datos. O Galicia Confidencial analiza a taxa de matrimonios por cada mil habitantes das sete grandes cidades galegas en comparación cos pequenos municipios do rural que rexistraron un menor número de casamentos no 2022.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O esquema de familia cambiou dende hai xa unhas décadas cara esta parte. Cada vez hai máis familias monoparentais, familias compostas por parellas do mesmo sexo, matrimonios sen nenos e, tamén, tiveron un importante auxe aquelas familias compostas por dúas persoas que, libremente, deciden manter unha relación estable pero que non por iso deciden casarse. Os matrimonios pola igrexa experimentaron así unha notable decadencia, pero tamén hai persoas que nin sequera se casan polo civil ou que, alo menos, só o fan cando para certos trámites burocráticos o vén estritamente preciso. Sen embargo, tamén é verdade que Galicia caracterízase por ter unha poboación máis tradicional, alo menos nas zonas rurais. Dende o Galicia Confidencial, e analizando os datos ofrecidos recentemente relativos aos matrimonios en España, correspondentes ao ano 2022, polo Instituto Nacional de Estatística (INE), quixemos comprobar se realmente a xente se está casando máis agora que antes e se no rural o número de matrimonios en relación ao número de habitantes de cada concello é superior ao das cidades.

Taxa de matrimonios por cada 1.000 habitantes (ano 2022), comparativa entre as sete grandes cidades e os concellos do rural con menor número de matrimonios rexistrado
Taxa de matrimonios por cada 1.000 habitantes (ano 2022), comparativa entre as sete grandes cidades e os concellos do rural con menor número de matrimonios rexistrado | Fonte: GC

O primeiro que hai que destacar, como dato moi relevante, é que un total de 174 concellos dos 313 que conforman o mapa galego rexistraron no ano 2022 menos de 10 matrimonios, é dicir, que practicamente o 56 % dos municipios de Galicia tiveron menos de 10 parellas que contraeron legalmente unión fai dous anos, o equivalente a máis da metade, máis de cinco de cada dez concellos. Máis concretamente, houbo un total de 14 poboacións que non tiveron nin un só enlace no 2022, todas elas nas provincias de Lugo: As Nogais, Negueira de Muñiz, Riotorto, Muras e Antas de Ulla; e de Ourense: O Irixo, Calvos de Randín, Porqueira, Vilar de Santos, A Teixeira, A Bola, Ramirás, San Xoán de Río e A Veiga. Todos eles son pequenos concellos do rural galego que se atopan entre os 240 habitantes (Negueira de Muñiz) e os 1.887 (Antas de Ulla).

22 CONCELLOS CUN ÚNICO MATRIMONIO E 26 CON DOUS

A eles habería que sumar outros 22 concellos que rexistraron nesa mesma data un único matrimonio: na provincia da Coruña, Toques; na de Lugo, Baleira, Trabada, Samos e Triacastela; e na de Ourense, Paderne de Allariz, Entrimo, Lobeira, Piñor, Punxín, San Amaro, Sarreaus, Taboadela, Beade, Castrelo de Miño, Melón, Gomesende, Pontedeva, Cualedro, Vilardevós, A Mezquita e Vilariño de Conso. Do mesmo xeito, todos eles son concellos do rural que andan entre os 364 habitantes (Beade) e os 1.702 (Vilardevós). Así, a taxa máis alta de matrimonios por cada mil habitantes nestes concellos sitúase tamén entre os 0,59 de Beade e os 2,75 de Vilardevós. Con dous matrimonios rexistrados o pasado ano 2022, habería en Galicia un total de 26 concellos: na provincia da Coruña, Vilarmaior, Monfero, Cerdido e Santiso; na de Lugo, Folgoso do Courel, O Incio e O Páramo; na de Ourense, Xunqueiro de Espadanedo, Bande, Bearix, Baltar, Trasmiras, Vilar de Barrio, Esgos, Carballeda de Avia, Cortegada, Montederramo, Parada de Sil, A Merca, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Petín e Rubiá; e na de Pontevedra, Dozón. Tampouco ningún destes municipios supera os 2.000 habitantes, estando entre os 493 (Chandrexa de Queixa) e os 1.954 (A Merca), con taxas de enlace por cada 1.000 habitantes do 1,02 no caso da Merca e de 4,06 no de Chandrexa.

21 CONCELLOS CON TRES MATRIMONIOS E 25 CON CATRO

Matrimonio
Matrimonio | Fonte: Commons

Pola súa banda, outros 21 concellos celebraron 3 matrimonios fai dous anos: na provincia da Coruña, Aranga e Sobrado; na de Lugo, Pedrafita do Cebreiro, Alfoz, Ourol, Ribeira de Piquín, A Pastoriza e Pantón; na de Ourense, Rairiz de Veiga, A Peroxa, Toén, Cenlle, Quintela de Leirado, Verea, A Pobra de Trives, O Bolo, Laza e Viana do Bolo; e na de Pontevedra, Rodeiro, Crecente e Fornelos de Montes. Todos eles son concellos que van dos 497 habitantes (Ribeira de Piquín) aos 2.750 (Viana do Bolo) e, en consecuencia, dunha taxa de matrimonios por cada 1.000 habitantes comprendida entre os 1,09 de Viana do Bolo e os 6,04 de Ribeira de Piquín. Pasando xa aos concellos que tiveron 4 enlaces no 2022, habería 25: na provincia da Coruña, Irixoa, As Somozas, Corcubión e Tordoia; na de Lugo, Cervantes, Navia de Suarna, Portomarín, O Valadouro, A Pontenova, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Paradela, Xermade, Bóveda e Sober; na de Ourense, Xunqueira de Ambía, Lobios, Os Blancos, Nogueira de Ramuín, Avión, Padrenda, Monterrei e A Gudiña; e na de Pontevedra, Mondariz-Balneario. Todos eles teñen un número de habitantes comprendido entre os 703 (Mondariz-Balneario) e os 3.168 (Tordoia). Mentres que as taxas de enlaces por cada 1.000 habitantes rondan entre 1,26 (Tordoia) e 5,69 (Mondariz-Balneario).

11 CONCELLOS CON CINCO MATRIMONIOS E 11 CON SEIS

Con 5 matrimonios no 2022 habería outros 11 concellos: na provincia da Coruña, Moeche, Frades e Cariño; na de Lugo, Carballedo, Lourenzá e A Pobra de Brollón; na de Ourense, Maceda, Boborás, San Cristovo de Cea e Carballeda de Valdeorras; e na de Pontevedra, Campo-Lameiro. Estes concellos andan entre os 1.206 habitantes (Moeche) e os 3.769 (Cariño), con taxas de enlaces por cada 1.000 habitantes situadas entre os 1,33 matrimonios por cada mil veciños de Cariño e os 4,15 de Moeche. Seguidamente, con 6 unións legais hai dous anos sitúanse un total de 11 concellos: na provincia da Coruña, Coirós; na de Lugo, Castroverde, Guntín, O Vicedo e Abadín; na de Ourense, Sandiás, Vilamarín, A Arnoia, Castro Caldelas e A Rúa; e na de Pontevedra, Arbo. Todos eles están entre os 1.002 habitantes (A Arnoia) e os 4.141 (A Rúa), cunhas taxas de matrimonio por cada mil habitantes que oscilan entre o 1,45 da Rúa e os 5,99 da Arnoia.

13 CONCELLOS CON SETE MATRIMONIOS E 13 CON OITO

Xa con 7 matrimonios rexistrados no 2022 hai que engadir á lista anterior 13 municipios máis: na provincia da Coruña, Vilasantar, A Capela, San Sadurniño, Mesía e Zas; na de Lugo, Taboada, O Corgo e Mondoñedo; na de Ourense, Baños de Molgas, Leiro e Riós; e na de Pontevedra, Covelo e Forcarei. Os seus habitantes sitúanse entre os 1.232 (Vilasantar) e os 4.308 (Zas), cunhas taxas por cada 1.000 habitantes que oscilan entre o 1,62 de Zas e o 5,68 de Vilasantar. E con 8 enlaces ante a lei nese mesmo ano habería tamén outros 13 concellos: na provincia da Coruña, Boimorto, Coristanco, Val do Dubra e Mazaricos; na de Lugo, Becerreá, Friol, Rábade, Xove e Meira; na de Ourense, Muíños e Vilamartín de Valdeorras; e na de Pontevedra, Portas e Agolada. Todos teñen un número de veciños que vai dende os 1.430 (Muíños) ata os 5.779 (Coristanco), é dicir, unhas taxas de matrimonios por cada 1.000 habitantes que vai dende o 1,38 de Coristanco e o 5,56 de Muíños. 

11 CONCELLOS CON NOVE MATRIMONIOS E 7 CON DEZ

Seguidamente, con 9 matrimonios celebrados fai dous anos estarían 11 concellos: na provincia da Coruña, Arzúa, Paderne, Cabanas, Lousame e Mañón; na de Lugo, Baralla, Láncara e Castro de Rei; na de Ourense, Maside; e na de Pontevedra, Barro e A Lama. Estes andarían nunha forcada entre os 1.244 habitantes (Mañón) e os 5.901 (Arzúa), con taxas que van dende os 1,53 matrimonios por cada 1.000 habitantes de Arzúa ata os 7,24 de Mañón. E, finalmente, con 10 enlaces no ano 2022 pecharían o listado 7 municipios: na provincia da Coruña, A Baña, Cabana de Bergantiños e Trazo; na de Lugo, Barreiros, Guitiriz e Monterroso; e na de Ourense, Amoeiro. Así, as súas poboacións estarían entre os 2.391 habitantes (Amoeiro) e os 5.194 (Guitiriz), con taxas que andarían entre os 1,93 matrimonios por cada 1.000 habitantes de Guitiriz e os 4,18 de Amoeiro.

AS TAXAS NAS SETE CIDADES OSCILAN ENTRE OS 3,11 MATRIMONIOS POR CADA 1.000 HABITANTES DE OURENSE E OS 3,71 DE FERROL

Pasando agora á análise das grandes cidades, obsérvase que Vigo rexistra o maior número de matrimonios de Galicia, con 940 (por ter 293.652 habitantes ten unha taxa de 3,20 matrimonios por cada 1.000 habitantes); seguido da Coruña, con 892 (os seus 247.376 habitantes deixan á cidade cunha taxa de 3,61 matrimonios por cada 1.000 habitantes); Lugo, con 334 (os seus 98.214 poboadores deixano cunha taxa de 3,40 matrimonios por cada 1.000 habitantes); Ourense, con 324 (os seus 104.250 habitantes sitúan á cidade cunha taxa de 3,11 enlaces por cada 1.000 poboadores); Santiago, con 320 (98.687 habitantes supoñen unha taxa de 3,24 matrimonios por cada 1.000 habitantes); Pontevedra, con 266 (82.535 habitantes sitúan á urbe con 3,22 matrimonios por cada 1.000 habitantes); e, en último lugar, Ferrol, con 237 matrimonios (a cidade ten 63.890 matrimonios, o que deixa á cidade cunha taxa de 3,71 enlaces por cada 1.000 habitantes). Deste xeito, as taxas nas cidades oscilan entre os 3,11 matrimonios por cada 1.000 poboadores de Ourense e os 3,71 de Ferrol. 

15 CONCELLOS DO RURAL QUE TIVERON ENTRE DOUS E CINCO MATRIMONIOS XA SUPERAN AS TAXAS DAS GRANDES CIDADES

Como observamos con anterioridade, hai zonas do rural que superan estas cifras. Así, por exemplo, os 3,11 matrimonios por cada 1.000 habitantes xa os rexistra Verea (localidade ourensá que con 964 habitantes rexistrou 3 matrimonios no 2022). Tamén supera esa cifra O Bolo, cunha taxa de 3,72 (localidade ourensá que tamén rexistrou 3 matrimonios hai dous anos con só 806 habitantes). Ao igual que Quintela de Leirado, cunha taxa de 4,94 matrimonios por cada mil habitantes (outra poboación da provincia de Ourense que rexistrou 3 enlaces no 2022 entre os seus 607 veciños). O mesmo acontece con localidades como Parada de Sil, cunha taxa de 3,84 matrimonios por cada mil habitantes (poboación ourensá que con 520 veciños rexistrou no 2022 dous casamentos). E con Chandrexa de Queixa, cunha taxa de 4,06 enlaces por cada mil habitantes (municipio da provincia de Ourense que con 493 veciños tivo fai dous anos dous matrimonios). 

Tamén rexistraron unha maior taxa de matrimonios por habitantes concellos como As Somozas, que chegou aos 3,75 matrimonios por cada 1.000 habitantes (concello coruñés de 1.068 habitantes que no 2022 tivo 4 enlaces); Cervantes, con 3,31 matrimonios por cada mil habitantes (concello lugués con 1.209 habitantes e 4 matrimonios no 2022); Navia de Suarna, que chegou á taxa de 4,05 matrimonios por cada mil habitantes (concello lucense que ten 988 veciños que rexistrou fai dous anos 4 matrimonios); Ribas de Sil, con 4,38 matrimonios por cada mil habitantes (concello lucense que conta con 914 veciños no que se celebraron nesas datas 4 enlaces); Os Blancos, cunha taxa de 5,59 matrimonios por cada mil habitantes (que conta con 716 habitantes e celebrou no 2022 un total de 4 matrimonios); A Gudiña, con 3,39 matrimonios por cada mil habitantes (concello ourensá que con 1.180 habitantes tivo 4 matrimonios fai cousa de dous anos); e Mondariz-Balneario, cunha taxa de 5,69 enlaces por cada 1.000 veciños (conceño pontevedrés con 703 habitantes que tamén tivo 4 matrimonios no ano 2022).

E á lista de concellos rurais que a pesares de ter poucos casamentos superan as taxas das cidades habería que engadir Moeche, cunha taxa de 4,15 matrimonios por cada mil habitantes (concello coruñés que con 1.206 poboadores tivo no 2022 un total de 5 matrimonios); A Pobra de Brollón, cunha taxa do 3,19 (concello lucense que con 1.565 habitantes celebrou fai dous anos 5 enlaces); e Carballeda de Valdeorras, cunha taxa de 3,64 matrimonios por cada mil habitantes (municipio ourensán que tivo 5 enlaces entre os seus 1.723 habitantes no ano 2022).

Matrimonio
Matrimonio | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta