Minuto de silencio no pleno do Parlamento polo crime machista de Moaña

O minuto de silencio protagonizado polos deputados celebrouse nunha xornada con outras concentracións convocadas no ámbito institucional

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2024 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia



O pleno do Parlamento de Galicia arrincou a súa xornada deste martes cun minuto de silencio polo crime rexistrado en Moaña, que precedeu á comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, para expor as liñas estratéxicas dos orzamentos.

O minuto de silencio protagonizado polos deputados celebrouse nunha xornada con outras concentracións convocadas no ámbito institucional e despois de que, na pasada xornada, tivesen lugar diversas accións de protesta en numerosas localidades galegas organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outras organizacións.

Nelas trasladouse a repulsa polo homicidio, no ámbito da violencia de xénero, de Fadoua Akkar, e para esixir o fin do "terrorismo machista".

Antes da comparecencia, a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, pediu a palabra e expuxo unha cuestión de orde para queixarse de "alteracións" na orde do día.

Ademais de reprobar que se axusten "non só aos intereses do Goberno, senón do PP", esixiu que, "como mínimo", se volva á cortesía "habitual" de consultar cos grupos eses cambios dos que, engadiu, aínda "non se coñece a motivación".

O xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, lembrou que a orde do día componse na Xunta de Portavoces, logo remítese ao Goberno e, a posteriori, Relacións Parlamentarias notifica se é preciso algún cambio.

Neste caso, remitiu que os cambios se comunicaron o venres e, tras esgrimir que a viceportavoz nacionalista non pedira votar o cambio, deu paso ao primeiro punto de debate.

Concentración de repulsa contra a violencia machista en Moaña, tras o homicidio de Fadoua Akkar, polo que foi detido e ingresado en prisión a súa parella, A.C.T., de 47 anos de idade.
Concentración de repulsa contra a violencia machista en Moaña, tras o homicidio de Fadoua Akkar, polo que foi detido e ingresado en prisión a súa parella, A.C.T., de 47 anos de idade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta