Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2025 | Actualizada ás 14:41
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou este venres que a corporación, lonxe de "estar en crise", está "a vivir a maior expansión e consolidación como servizo público de comunicación audiovisual da súa historia".
Así o dixo durante unha comparecencia na Comisión permanente non lexislativa de control da CRTVG, no Parlamento Galego, onde respondeu a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Alexandra Fernández en relación aos datos de audiencia da TVG o pasado ano 2024.
Durante a súa intervención, a deputada nacionalista asegurou que os datos de audiencias da canle "son devastadores", especialmente entre a xente nova, e argumentou que "unha de cada cinco persoas que vían a TVG deixouno de facer no último ano".
Para Alexandra Fernández, a TVG "está a afastar cada vez máis aos galegos da televisión pública" e provocando "unha desconexión coa sociedade". "Son datos evidentes de caída da audiencia a mínimos históricos", sostivo a deputada.
Pola contra, Sánchez Izquierdo negou esta caída e afirmou que a TVG "sigue sendo a canle máis vista en Galicia e a autonómica máis vista en España segundo o Estudo Xeral de Medios". "A realidade é moi distinta", respondeu, argumentando que "este director xeral deixará a CRTVG nunha das mellores, se non a mellor, situación desde a súa creación, e a anos luz da súa situación en 2009", cando tomou os mandos.
Entre os datos que destacou están os índices laborais. Sánchez Izquierdo asegurou que o 40% dos traballadores estaban "en situación de temporalidade" en 2009, unha situación "irregular" que causou "un custo superior a 36 millóns de euros en sentenzas". Con todo, afirma, "o 100% do cadro de persoal está estabilizado" en 2025.
No ámbito económico, o director xeral sinalou que as contas de 2009 "foron devoltas por deficiencias atopadas por parte de auditorías externas", dado que non reflectían "unha débeda de 51 millóns". "A día de hoxe ninguén asumiu a responsabilidade de asinar aquelas contas", engadiu, destacando que neste período conseguiuse "reducir esa débeda en máis dun 90%".
En canto aos datos de audiencia, Sánchez Izquierdo afirmou que a TVG estaba no terceiro posto de canles autonómicas da Forta en 2009 segundo Kantar Media, o mesmo posto que en 2024. "Non sei por que agora falamos de crise de audiencias, cando a competencia en 2009 era infinitamente menor que en 2024", subliñou.
Entre os novos elementos para captar públicos, Sánchez Izquierdo mencionou que a CRTVG lanzou en 2024 tres plataformas de contidos á carta que permitiron "ampliar o alcance do servizo público", chegando "a máis audiencias e países", con preto de dous millóns de usuarios no primeiro ano de existencia. "Non perdemos nin audiencia nin relevancia", resolveu.
UNHA SENTENZA "INDIVIDUALIZADA"
Por outra banda, Sánchez Izquierdo respondeu tamén este venres a unha pregunta formulada pola deputada socialista Silvia Longueira, en relación á posibilidade de que a CRTVG teña que afrontar sentenzas na súa contra por "contratar a 30 traballadores como alta dirección pero para realizar tarefas comúns", tras un fallo en contra neste sentido que, no entanto, o director xeral cinguiu a un caso particular e "individualizado".
Na súa intervención, Silvia Longueira considerou que estas 30 denuncias "van seguir o camiño marcado polo Tribunal Supremo", que "rexeitou o recurso da CRTVG contra unha sentenza do TSXG que lle daba a razón a un responsable de enxeñaría da Corporación", quen recorreu un fallo previo "alegando que non realizaba tarefas de alta dirección, senón tarefas propias dun traballador común".
En relación a esta sentenza, Sánchez Izquierdo apuntou que un fallo de primeira instancia en 2021 "desestimou a pretensión do traballador", vinculando a súa relación contractual á alta dirección. Con todo, en abril de 2022 o TSXG estableceu o contrario, apuntando a que se trataba dunha "relación laboral común", nunha sentenza "que xa é firme".
O director xeral, con todo, considerou que este fallo "non expande os seus efectos a todos os contratos de alta dirección", que "deben de ser, polo menos, obxecto dunha análise particularizada en cada caso". "A sentenza responde a unha situación individualizada", engadiu, apuntando que, "ata agora, as sentenzas nesta materia, en relación cos cuestionamientos dos contratos de alta dirección" confirmaron " a regularidade da forma contractual actual". "Recibimos diversas sentenzas que ratifican ata agora a legalidade dos contratos como contratos de alta dirección", sinalou.
No entanto, recoñeceu que se trata dun tema "altamente complexo" que ten á corporación "mergullada nunha certa inseguridade" e que radica na "falta de desenvolvemento estatal ou autonómico sobre os contratos directivos en empresas públicas", algo que sería "imprescindible" de face ao futuro para evitar a "inseguridade xurídica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.