Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2016 | Actualizada ás 09:00
Un dos referentes do BNG, Francisco Jorquera, portavoz parlamentario da formación frontista, marcou diferencias coas declaracións realizadas polo seu portavoz nacional, Xavier Vence, quen considera necesario abrir conversas para que o Bloque poida ir nunha gran coalición electoral ás vindeiras eleccións autonómicas.
"Eu considero que para Galicia é fundamental que existan referencias políticas propias, que exista un proxecto nacionalista diferenciado", dixo Jorquera, que é militante da UPG, o partido maioritario no Bloque que se opón a pactos coas mareas.
Nunha entrevista na Radio Galega deixou claro que non é partidario de acelerar o proceso de debate sobre a fórmula coa que o Bloque debe concorrer ás próximas eleccións autonómicas. "O primeiro que se debe clarificar tamén é a posición de En Marea, despois de que nos últimos días o líder de Podemos en Galicia abrise a porta a que esta formación concorrese en solitario aos comicios galegos", dixo.
Ademais, tamén se referiu á polémica ao redor da imposibilidade de En Marea de constituírse como grupo parlamentario no Congreso. "Creo que sería bo para Galicia que no Congreso houbese unha expresión política propia pero creo que algúns fixeron unha aposta que por desgraza non vai contribuír a iso", dixo.
"Cando o BNG dicía que a única forma de que houbese un grupo parlamentario propio no Congreso era que esa candidatura tivese personalidade propia, por tanto que o centro de decisión estivese no país, que non estivese supeditada a estratexias estatais, non o diciamos por antollo, porque o regulamento do Congreso é o que establece e sempre se aplicou así. Por desgraza esa é a realidade", engadiu.
En todo caso, coincidiu con Vence en que o BNG "necesita iniciar unha nova etapa" e dixo que "esa nova etapa posiblemente necesite de novos referentes e novas caras que a representen". "O nacionalismo galego está nunha situación crítica", recoñeceu e afirmou que non ten a aspiración de presentarse na próxima Asemblea do BNG para ser portavoz nacional senón que no devandito proceso de debate aberto no seo da formación contribuirá como un militante máis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.