O Concello de Pontevedra conxelará taxas e impostos municipais despois de facelo por once anos consecutivos

A conxelación das taxas e impostos permitirá un aforro aos pontevedreses dun total de 1,57 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia



O Concello de Pontevedra volverá conxelar as taxas e impostos municipais por undécimo ano consecutivo. Así o anunciou o edil de Economía e Facenda, Raimundo González, que asegurou que esta decisión se adopta "unha vez realizadas as proxeccións económicas" e comprobar que a prestación dos servizos básicos á cidadanía está "garantida".

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, González Carballo sinalou que "aínda que poida parecer obvio", o obxectivo fundamental dos ingresos é prestar os servizos básicos fundamentais.

Segundo detallou, esta decisión de manter a mesma presión fiscal para a cidadanía pontevedresa pódese adoptar grazas ao aumento de ingresos a través de distintas fontes, como o repunte de recadación de impostos no caso do ICIO ou Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras; ou o incremento das transferencias estatais.

Así, a conxelación das taxas e impostos permitirá un aforro aos pontevedreses dun total de 1,57 millóns de euros.

Nesta liña, Raimundo González afirmou que o Goberno local aínda non se dá por satisfeito e seguirá traballando na "depuración de padróns e actualización e na persecución de fraudes", unhas medidas que, apuntou, "deron bo resultado ata agora", xa que permitiron aumentar a recadación.

"Nós o que buscamos con todo isto é a equidade fiscal, que todo o mundo pague, non é un afán recadatorio", manifestou o concelleiro de Facenda, que engadiu que se trata de "tratar a todos os cidadáns da mesma maneira, ademais de buscar eficiencia no gasto".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta