Por Galicia Confidencial | Ferrol | 20/01/2016 | Actualizada ás 08:00
A portavoz do PSOE no Concello de Ferrol e número dous neste concello, Beatriz Sestayo, xa fala, abertamente, de presentar un candidato alternativo ao secretario xeral do seu partido, José Ramón Besteiro, ás primarias para elixir candidato á Xunta.
"No meu partido hai moitísimos compañeiros e compañeiras dunha enorme validez para unhas primarias", dixo Sestayo ao ser preguntada polos xornalista. Unhas declaracións que coinciden coas que o luns dixo o portavoz do PSOE no Parlamento de Galicia, José Luís Méndez Romeu, que afirmou que alguén, ademais de Besteiro, debía dar o paso de presentarse.
Sen embargo, estas declaracións teñen significados diferentes. Así, mentres que Méndez Romeu, colaborador de Besteiro no Parlamento galego, anima a que os seus críticos presenten ese candidato alternativo para a "confrontación", Sestayo --enfrontada directamente co seu secretario xeral--, apoiaría a ese candidato en caso de que se presentara.
En todo caso, a líder ferrolá destacou as primarias "non son un descubrimento de ninguén" pois foi a formación socialista, dixo, "a primeira en aprobalas" e por tanto, unha vez máis, os seus membros desexan elixir o candidato ou candidata para os comicios "por vía democrática".
Por outra banda, tamén se referiu aos enfrontamentos internos mantidos co alcalde ferrolá, Jorge Suárez. "O máis importante é visibilizar o traballo que estamos a facer desde o Goberno. Existe unha normalidade no traballo do día a día para a cidade, que é o que nos toca", asegurou, engadindo que se alegra de que todos estean "contentos"; en resposta ás palabras do alcalde, Jorge Suárez, que afirmou estar satisfeito co traballo dos concelleiros socialistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.