O PP fala dunha "terceira revolución industrial" coa lei de recursos, "greenwashing" para a oposición

Segundo o PP a nova lei facilitará a implantación de "todos aqueles proxectos que cumpran". A oposición fala de novas privatizacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/10/2024 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento aprobou, cos votos a favor do PPdeG e o rexeitamento da oposición, a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, unha norma coa que, para BNG e PSdeG, a Xunta busca o "greenwashing" ou "tinguir de verde" a súa política, pero tras a cal impulsa, segundo coinciden, "máis privatización".

O PP, pola súa banda, defende unha lei coa que o Goberno galego tenta "facilitar a implantación de todos aqueles --proxectos-- que cumpran" cos requisitos ambientais. Tras o seu paso pola Cámara, o texto final incorporou nove emendas: unha dos populares, cinco do Bloque e tres dos socialistas, duas destas últimas transaccionadas.

Na súa intervención este martes, a portavoz do PSOE galego no debate, Patricia Iglesias, acusou ao grupo maioritario de "pasar a apisoadora", pois as súas emendas "caeron en saco roto" e "de 34 aceptaron dous que son méramente cosméticas, de estilo". Cinco de 67 son as que se sumaron dos nacionalistas, segundo sinalou o deputado José Manuel Golpe, quen, como Iglesias, falou de "oportunidade perdida" con esta lei que ven un "caixón de xastre" e "unha ensalada con todos os ingredientes".

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no Parlamento de Galicia.. XUNTA
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no Parlamento de Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Ante as críticas, o parlamentario Alberto Pazos, reivindicou as "importantes achegas por parte da sociedade civil", que ilustrou con "67 alegacións incorporadas ao articulado". Pola súa banda, acusou á oposición de querer "eólica sen muíños, minaría sen minas e industria sen factorías". "Non existe unha fonte de enerxía que non supoña ningún tipo de impacto ambiental", subliñou.

A COMERCIALIZADORA

En paralelo coa lei que aproba este martes o Parlamento, a Xunta presentou a finais do pasado ano a sociedade mixta Recursos de Galicia, e recentemente tamén deu a coñecer a comercializadora de enerxía coa que pretende rebaixar o custo da luz para empresas e veciños de zonas afectadas por, por exemplo, parques eólicos.

"Nin é pública, nin é social, nin é galega", avisou tallante a deputada do PSdeG Patricia Iglesias, quen, como a continuación o portavoz do BNG no debate, apuntou á posibilidade de que a comercializadora incorra en prácticas contrarias ás normas de competencia --en concreto, referíronse ao 'dumping' ou venda a perdas--.

CAMBIOS NO EÓLICO

Tamén foron protagonistas este martes as referencias aos cambios na planificación eólica que o Executivo autonómico pretende a través da lei de acompañamento aos orzamentos de 2025. Iglesias (PSOE) atribuíu á Xunta unha "autoenmenda" da súa política neste ámbito e viu niso unha "mostra dun Goberno do que non se pode un fiar, pola súa incoherencia". Ademais, lembrou que son xa "60 os parques suspendidos" polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por parte do Bloque, Golpe cargou contra as medidas que contén a lei que sae aprobada, posto que en opinión do seu grupo "trazan un rumbo cara á destrución do país vestido de beneficios". Son, subliñou, "medidas pensadas para que haxa máis privatización dos recursos e máis discrecionalidade" por parte da Xunta.

Nun contexto de "terceira revolución industrial", o deputado popular Alberto Pazos valorou que Galicia a afronta "por primeira vez desde unha posición de privilexio" ao dispor de recursos para a xeración de enerxía renovable. "Desaproveitar esa circunstancia constituiría un exercicio de irresponsabilidade", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta