Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/01/2016 | Actualizada ás 16:00
"Veremos como afectan estas novas investigacións aos cargos da Xunta”. Foi a resposta do presidente da Xunta ao ser preguntado sobre se non cre que a Operación Zeta dana a credibilidade do Goberno galego por haber unha directora xeral investigada –a actual denominación para os imputados-- e unha conselleira que acudirá como testemuña.
A xuíz do caso decidiu imputar a Ana María Díaz, ex directora xeral de Traballo, agora directora xeral de Conservación da Natureza, e chamar como testemuña a Beatriz Mato, titular de Medio Ambiente e ex conselleira de Traballo. Tamén está como investigado o empresario Pachi Lucas, amigo de Feijóo e de Rajoy.
Por iso, o presidente da Xunta evitou este xoves referirse a esta cuestión e, na súa resposta, cinguiuse ao guión que xa despregou cando as conversas do caso saíron á luz pública. “Hai unha pregunta no Parlamento e non vou variar a resposta que din entón”, dixo.
Así, volveu repetir que a Xunta foi a que denunciou este caso ante a Fiscalía e lembrou que non só está afectado o Goberno galego neste caso, senón outras administracións autonómicas e o Goberno central. “Nós agardaremos que se determinen esas irregularidades e que nos aclare a xuíza estas actuacións”, indicou.
E, salientou que a Xunta xa actuou consecuentemente neste caso; primeiro, denunciando, despois aumentando os controis e despois, cesando a cargos públicos. Referiuse ao do ex subdirector xeral de Traballo, Odilo Martiñá. Por iso entende que, aínda que haxa unha directora xeral imputada e unha conselleira como testemuña, o caso non afecta, de momento, á credibilidade do Goberno galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.