O cemiterio da Adina, en Iria Flavia, recordo dun pasado glorioso: máis dunha vintena de sartegos dos séculos VI ao X

O GC visita este camposanto ubicado no concello de Padrón e coñece algúns dos seus segredos da man do profesor Manuel Lorenzo Baleirón, un dos maiores coñecedores da Iria Flavia romana.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/10/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O de Adina, en Iria Flavia (Padrón), é un deses cemiterios que non deixa indiferente a ninguén, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1975. Nel non hai nichos en altura, todas as tumbas están distribuídas a rentes do chan. Este feito, sumado ao mimo que poñen as familias propietarias para mantelas coidadas ao longo de todo o ano, ofrece ao visitante unha imaxe inesquecible: centos de flores de todas as cores e candeas acesas en cada recuncho do camposanto que invitan a reflexionar sobre a vida e sobre a morte. Xusto ao seu carón, pasa o Camiño de Santiago, e non hai peregrino que non se deteña uns intres a admirar este camposantos e a tomarlle algunha que outra foto. Neste cemiterio repousan os restos dun dos escritores galegos máis recoñecidos a nivel mundial: o Premio Nobel Camilo José Cela; e tamén estiveron, ata finais do século XIX, os da poetisa galega por excelencia: Rosalía de Castro, que serían trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres de Santiago no 1891. Sen embargo, do que hoxe vimos falar aquí non é destas célebres figuras, senón doutra das marabillas que agocha o cemiterio de Adina e que impacta a primeira vista.

Cemiterio de Adina, en Iria Flavia, en Padrón
Cemiterio de Adina, en Iria Flavia, en Padrón | Fonte: Páxinas galegas

Trátase dos seus sartegos antropomorfos datados entre os séculos VI e X, rehabilitados no ano 2021. Estamos a falar de tumbas de pedra con ata máis de 1.500 anos de antigüidade que conforman unha auténtica necrópole cristiá de época romana tardía e sueva. Na nosa visita, un día solleiro e onde a choiva deu tregua por un intre á vila de Padrón, atopámolos iluminados coas últimas luces do atardecer, o que os envolve aínda máis nunha aura de misterio. Atópanse dispostos nunha cuadrícula onde se distribúen en catro fileiras, ordenados de maior a menor antigüidade, cuns oito ou dez sartegos en cada unha. Os máis antigos resulta difícil recoñecelos como sartegos, pero pouco a pouco vaise vendo a evolución e como o interior dalgúns destes cadaleitos ten a forma dun corpo humano, e, xa nos de data máis recente, mesmo se pode observar a inscrición na tapa e algunha que outra cruz cristiá. A presenza aquí destes sartegos demostra que os terreos que rodean á igrexa de Iria Flavia foron utilizados dende tempos antigos como lugar de enterramento.

ESTE TIPO DE LAUDAS RESTRINXÍANSE SOAMENTE A LUGARES CUNHA IMPORTANCIA RELIXIOSA MOI GRANDE

Falando co profesor Manuel Lorenzo Baleirón, gran coñecedor da historia da vila de Padrón, explícanos que os especialistas coinciden en que estes sartegos pertencen ao período suevo, situándoos na súa maioría entre os séculos VI e VII. O nome correcto para denominalos sería 'laudas de estola', así bautizadas polo pai Sarmiento cando pasou por Iria no ano 1745, porque "o debuxo das liñas sobre a pedra lembroulle á estola ou cinta que levan os eclesiásticos nas celebracións litúrxicas". E, na tapa dalgunha destas laudas irienses, denominada campa sepulcral, de forma trapezoidal, as súas catro vertentes están separadas precisamente polas bandas de estola. Amosan tipoloxías e tamaños moi variados, de tal maneira que hainas que presentan cruces incisas, outras que teñen unha ancha banda central cun dobre listel... Esta representación é típica desta zona de Galicia durante a época na que remata a Galaecia romana, pero, como afirma Baleirón, "a abundancia que hai en Iria deste tipo de laudas non a hai en ningunha outra parte de Galicia".

Así mesmo, estas laudas teñen na parte superior, en moitas ocasións, a figura dun círculo que para algúns especialistas recorda a un símbolo que existía nos tempos do primeiro cristianismo: o orante. Trátase dunha persoa rezando cos brazos ergueitos que tamén se pode atopar moi frecuentemente nas catacumbas romanas. Como lembra Baleirón, o orante é unha figura que xa está presente nos sepulcros paleocristiáns dos séculos III e IV. Sexa como fose, con estolas ou orantes, o certo é que estas laudas non deixan lugar a dúbidas sobre a importancia histórica da zona. É e que, como explica o profesor, "dentro da Galaecia romana, que ocupaba máis aló de Braga polo sur e pola parte oriental non se sabe ben nin a onde podía chegar, estas laudas restrinxíanse soamente a lugares que tiñan unha importancia relixiosa moi grande, fundamentalmente, a sedes episcopais, de ahí que se atopen en Santiago, Braga, Lugo, Ourense...". Pero, insiste en que, "tal cantidade como a que se atopou en Padrón eu non vin nunca". "Atopáronse sartegos destas características en lugares como Catoira, Seira (Rois), Santa María de Cruces (Padrón), pero sempre illados, non nunha cantidade agrupada tan grande como a que hai en Iria", asegura Baleirón.

A IGREXA DE SANTA MARÍA A MAIOR DE IRIA FLAVIA FOI O PRIMEIRO TEMPLO MARIANO DO MUNDO E É UNHA DAS IGREXAS MÁIS ANTIGAS DE TODA GALICIA

Ademais, todos estes sartegos foron atopados ao longo de diversas escavacións realizadas na zona, onde tamén se atoparon outros vestixios arqueolóxicos que viñeron apoiar a teoría dunha Iria Flavia poderosa en tempos romanos, cunha ocupación moi importante: dende tégulas, ata a figura dun boi da época romana tardía (o 'Boi Ápis', que imitaba aos exipcios), pasando por decenas de aras e altares (o máis coñecido deles é o Pedrón, adicado ao deus Neptuno)... Hai que destacar que a igrexa á que pertence este cemiterio, a de Santa María a Maior de Iria Flavia, foi antigamente Sede Episcopal e está considerado o primeiro templo mariano do mundo. De aí que sexa esta unha das igrexas máis antigas de toda Galicia, que no seu día foi catedral. A igrexa naceu co nome de igrexa de Santa Eulalia, Santa Baia de Iria. Durante toda a liña temporal que vai dende os romanos ata a época medieval do arcebispo Xelmírez, Iria Flavia goza dunha importancia vital para o imperio. Importancia que foi a menos cando o bispo Teodomiro descubriu o sepulcro de Santiago O Maior o 25 de xullo do ano 813. A partir dese momento, a importancia de Iria Flavia pasou directamente a Santiago, que crecía coa mesma rapidez que o cabildo iriense declinaba. 

De catedral pasou a colexiata e, finalmente, quedou reducida a parroquia. Iso si, parroquia non como a coñecemos hoxe en día, senón como se coñecía en tempos dos suevos. Naquel momento (409-585) as parroquias eran tan grandes que poderían asimilarse coas nosas provincias actuais. Tanto é así que a provincia de Iria, aínda que non se sabe certamente ata onde chegaba, como explica Baleirón, podería ter ocupado case toda a provincia da Coruña e boa parte da de Pontevedra. Na Galicia daquel tempo había tres cidades importantes: Brigantium, Lucus e Iria. A igrexa de Iria sería destruída por Almanzor na súa incursión pola nosa terra pouco antes do ano 1000. Antes de chegar a Santiago, e tras entrar en Iria Flavia moi probablemente pola zona de Catoira e Dodro, arrasou a vila e, consecuentemente, a igrexa. Serían os distintos arcebispos que virían despois os encargados da súa reconstrución. O templo actual, coas súas torres piramidais e escalonadas, as súas tres amplas naves e fermosas capelas adosadas, constitúe un bo exemplo da arquitectura do século XVII. No interior desta igrexa tamén se atopan enterrados 28 bispos.

LUGAR DE ENTERRAMENTO DE CAMILO JOSÉ CELA E ROSALÍA DE CASTRO

Nunha visita a este cemiterio tamén cómpre achegarse ata os dous cruceiros que hai no interior dos seus muros e as catro oliveiras centenarias que forman parte do 'Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia'. De feito, a sepultura de Camilo José Cela (1916-2002) esta baixo unha delas. Así mesmo, resulta de interese visitar a lápida na honra de Rosalía de Castro (1837-1885), que lle adicou uns versos a este camposanto no poema '¡Padrón!... ¡Padrón!', do seu libro 'Follas Novas':

"O simiterio da Adina
n’hai duda de que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores
lindas, cal n’outras dou Dios;
cos seus canónegos vellos
que nel se sentan ó sol;
cos meniños que alí xogan
contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben,
e cos húmedos montós
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterrou.

Moito te quixen un tempo,
simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus avós;
cos teus cregos venerables,
que se iban sentar ó sol,
mentras cantaban os páxaros
as matutinas cancións,
e co teu osario humilde
que tanto respeto impón
cando da luz que nel arde
ve un de noite o resprandor.
Moito te quixen, e quérote,
eso ben o sabe Dios;
mas hoxe ó pensar en ti
núbraseme o corazón:
que a terra está removida,
negra e sin frols…"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta