Por Galicia Confidencial | Ferrol | 26/01/2016 | Actualizada ás 09:00
A concelleira de Benestar Social e tenente de acalde de Ferrol, Beatriz Sestayo, denunciou este martes a situación de colapso que vive o principal hospital da cidade, o Arquitecto Marcide, despois de vivilo "en primeira persoa" o pasado fin de semana, afectada dunha forte infección de garganta.
"Os pacientes tivemos que esperar horas en Urxencias, onde o persoal estaba absolutamente colapsado e queixábase dos recortes do Goberno da Xunta de Galicia", criticou. “Ao meu carón había enfermos con diferentes patoloxías, algúns moi graves e outros mesmo chorando", denunciou.
Por iso, cualificou esta situación como "absolutamente bochornosa", e dixo que é "a consecuencia de sete anos de paralización da sanidade na comarca" nun centro que "sempre foi unha referencia de calidade".
Sestayo asegurou que esperou "durante 28 horas" até ser traspasada a unha cama, algo que negan desde a área Sanitaria, comentando que a concelleira "sumou o tempo que esperou en Urxencias e o que esperou posteriormente pola cama", puntualización que quixeron realizar tras corroborar que o fin de semana "todos os pacientes tiñan cama asignada antes de que pasasen 24 horas".
En declaracións á axencia Efe recollidas por algúns medios, a área Sanitaria de Ferrol apunta que ao día atenden de media en Urxencias a 180 pacientes e, ao longo do pasado fin de semana -período criticado por Sestayo-, a cifra foi menor, de 177.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.