Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2024 | Actualizada ás 19:43
Unha enquisa realizada por Anpas Galegas sobre a dixitalización na escola e o programa 'E-Dixgal' sinala que o 70% das familias rexeita continuar con esta iniciativa durante o curso 2024/2025, unha porcentaxe que se repite no nivel de insatisfacción en relación coa formación recibida polos seus fillos.
Ademais, entre as conclusións do informe presentado este martes por Anpas Galegas recóllese que este programa "non mellora a aprendizaxe do alumnado" nin tampouco "o seu nivel de competencia dixital".
Así, a enquisa, realizada no mes de maio a case 4.000 proxenitores, sinala que a información que recibiron as familias sobre este programa é "nula ou escasa".
En concreto, "a metade das persoas consultadas indican non recibir ningunha información sobre os posibles beneficios que este programa pode ter para a aprendizaxe, nin sobre o uso que se lle dá en cada materia".
Para as Anpas, estes resultados indican que a implementación deste recurso "levou a cabo sen contar nin tan sequera a nivel informativo coas familias". "Non se posibilitou a nais e pais comprender o que levaba consigo o emprego de E-Dixgal na aula", afirma.
TEMPO DE USO
Así mesmo, o informe das Anpas expón que preto do 50% do alumnado emprega E-Dixgal entre tres e cinco horas diarias, e un 11% máis deste tempo. Máis detalladamente, observan un aumento do tempo de uso nos últimos cursos da ESO.
En casa, o tempo de uso deste programa máis frecuente é entre unha e dúas horas diarias, salvo no caso de 5º de primaria, no que se sitúa entre unha hora ou menos.
Doutra banda, as familias mostran "claro desacordo" cos posibles beneficios do libro dixital. "Non consideran que o estudante gañe autonomía na realización das tarefas, que supoña unha mellor comprensión das materias ou que estea máis motivado", relata o informe.
Tamén coinciden en que as actividades que se realizan "non están adaptadas ao ritmo e características" do alumnado. Entre outros inconvenientes que detectan os pais e nais, destaca a necesidade de controlar que fai o seu fillo no computador mentres o utiliza.
REPENSAR O USO
Ante estes datos, as Anpas galegas consideran que 'E-Dixgal' "reproduce o modelo pedagóxico" que xa existía. "Un cambio de soporte que non leva a un cambio de modelo, cara a outro que sexa máis favorecedor da aprendizaxe colaborativa e interdisciplinar, e da creación e do protagonismo do alumnado; con maior individualización e adaptación ao ritmo e circunstancias de cada estudante, que atenderá á contorna e á realidade da escola", sosteñen.
Un modelo no que, segundo as Anpas, débense integrar "unha gran diversidade de recursos ao servizo da aprendizaxe" de cada estudante e que, á súa vez, "favoreza a adquisición das distintas áreas de competencia dixital".
"Hai que repensar o uso dos recursos educativos para polos ao servizo da escola que queremos, para o que resulta imprescindible a participación da comunidade educativa", conclúe o informe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.