Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/10/2024 | Actualizada ás 13:58
A Consellería de Sanidade analizará "ben" a sentenza que condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 20.000 euros á parella dun home que morreu dun infarto no centro de saúde de Lalín, en setembro de 2019, e "a partir de aí" decidirase se hai que acometer algún cambio nos protocolos de triaxe.
Así respondeu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao ser preguntado por este fallo emitido o 9 de outubro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que confirma que houbo unha "perda de oportunidade" para o paciente polo feito de que, cando acudiu pola mañá ao centro de saúde, seis horas antes de falecer, unha administrativa non comunicou á médica o motivo da demanda de atención e derivouno a cando houbese un oco entre os pacientes xa citados. O home decidiu non esperar, regresou á súa casa e volveu pola tarde ao centro de saúde, xa con cita, pero faleceu. "Hai que analizar ben toda a sentenza, que creo que é recurrible", dixo este xoves, ante preguntas da prensa, o titular de Sanidade, que lamentou "moito" esta morte.
"Polo que lin ata agora", explicou Gómez Caamaño, este paciente chegou "cun problema" ao centro de saúde e "ofrecéuselle facer consulta", pero "quería ir á súa casa", así que volveu cunha cita "pola tarde". De feito, o home "subiu camiñando" e non en ascensor, tal e como alegou a Xunta durante o proceso xudicial. "Non tiña ningún síntoma que suxerise que estaba a desenvolver un proceso isquémico" e "mesmo un médico podería quitar transcendencia ao problema", subliñou o conselleiro, sen coñecer máis "detalles". En todo caso, para decidir se podería implicar algún cambio nos protocolos, haberá que "analizar a sentenza" en profundidade.
A XUNTA "RESPECTA E ACATA" A SENTENZA
Sobre este caso, fontes do Sergas lamentan "as consecuencias dos erros puntuais" que poden ocorrer na asistencia sanitaria e "asume as responsabilidades que se establecen en cada ocasión". A Xunta "respecta e acata esta sentenza", como non podería ser doutro modo", e traballa "de forma permanente para mellorar a protección da saúde dos galegos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.