Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/11/2024 | Actualizada ás 11:07
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que o Executivo autonómico prevé elevar os limiares de renda para poder acceder á compra dunha vivenda de promoción pública. "Non é normal que unha parella, se entre os dous gañan 24.000 euros, non poidan acceder a unha vivenda pública", aseverou o mandatario autonómico, quen foi interpelado sobre políticas de vivenda polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na sesión de control que albergou este mércores a Cámara galega.
"E faremos que as vivendas protexidas sexan protexidas sempre porque vostedes en catro anos desprotegieron 10.000", apostilou o xefe do Executivo, quen enumerou outras medidas que a Xunta anunciou ou ten en marcha, en resposta ás críticas de Besteiro, quen lle esixiu ser "ambicioso" e apostar "polo público".
Rueda dixo que a Xunta aplicará a lei e, "se se cumpren os requisitos", non haberá problema coa declaración das zonas tensionadas. Pero remarcou que os concellos, "incluídos os socialistas, non están a cumprimentar os trámites". "Por algo será", recalcou, antes de reiterar o seu rexeitamento á lei estatal de vivenda.
BANCO PÚBLICO DE ALUGUERES
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou a necesidade urxente de crear un Banco Público de Alugueres, como medida inmediata para garantir un aluguer accesible e estabilizar o mercado, especialmente en zonas urbanas tensionadas. Na súa intervención no Pleno, destacou que a Constitución española e o Estatuto de Autonomía de Galicia recoñecen o acceso á vivenda como un dereito e unha competencia exclusiva da Xunta. Con todo, sinalou que, baixo a administración de Rueda, a inacción e a especulación teñen agravado o problema, deixando dúas xeracións en risco de exclusión do mercado de aluguer.
O portavoz socialista expuxo os datos alarmantes: desde 2015, o prezo do aluguer incrementouse un 58%, mentres que os salarios só medraron un 25%, o que forza aos mozos galegos a destinar ata o 50% dos seus ingresos mensuais ao aluguer. “Este sistema é insostible para calquera que queira vivir con dignidade en Galicia”, afirmou Besteiro.
Besteiro insistiu en que, mentres non se poida ampliar o parque de vivenda pública a longo prazo, Galicia precisa unha solución áxil e eficaz para afrontar a crise do aluguer. A proposta do Banco Público de Alugueres permitiría mobilizar até 5.000 vivendas desocupadas nas principais cidades, co apoio dun investimento de 20 millóns de euros anuais, cun obxectivo claro: que o custo do aluguer non supere o 30% do salario dos inquilinos.
Este sistema permitiría que a Xunta alugue directamente as propiedades desocupadas a prezo de mercado, garantindo aos propietarios seguridade, mantemento e o pago do aluguer. Así, a administración podería ofrecer eses inmobles a prezos accesibles, asegurando un mínimo de estabilidade aos milleiros de galegos que sofren a actual escalada de prezos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.