Inundacións, consecuencias da especulación inmobiliaria salvaxe ao carón dos ríos e do litoral

As áreas teoricamente inundables son espazos tentadores para a construción. A lexislación galega e outras toleran a edificación en áreas con risco de forte anagamento por choivas e rebordamento de ríos. Tamén se dan casos en áreas onde a marea pode subir superando os límites habituais e chegando a zonas antropizadas. A cuestión é por que existe esa tendencia a ocupar terreos que poden ser áreas con risco de inundación

Por Moncho Mariño | Santiago | 09/11/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Inundacións en Vigo
Inundacións en Vigo | Fonte: Javier Vázquez

ÁREAS DE DESAUGUE, PROTEXIDAS?
A lagoa da Frouxeira en Valdoviño é un espazo de especial protección e aínda así edificouse unha serie de vivendas próximas á zona da lagoa e internándose nos límites do Castro da Frouxeira. Co tempo, as consecuencias foron desastrosas para os e as propietarias dos inmobles. En 2018 declarábase ilegal unha obra con máis de 60 vivendas adosadas na zona. Con anterioridade, en 2012, os veciños das vivendas xa construídas acabaron pechándose no Concello de Valdoviño pedindo unha solución despois de que o temporal aumentase o nivel das augas da lagoa. A resposta foi enviar maquinaria para abrir canles ao mar sen esperar o desaugue natural da propia masa de auga.

Aínda que no caso anterior falamos dunha zona húmida de especial protección, pode servir de exemplo de como se foi eliminando espazo natural que pode protexer as costas e marxes dos ríos ante elevacións do nivel de auga. A lagoa de Valdoviño estaría dentro do réxime xurídico dos humidais protexidos en Galicia. Fóra desta figura podemos encontrar as zonas rurais de solo rústico de protección especial divididos en dúas categorías segundo a Lei do Solo de Galicia que contempla a protección de solo rústico de protección das augas e o de protección de costas.

Que ocorre con outras áreas que puideran ser consideradas humidais e a lei é difusa con elas? Desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia sinalan que as competencias de xestión do dominio público hidráulico e planificación hidrolóxica pertencen ás Demarcacións Hidrográficas. Desta maneira, só un informe postivo da Demarcación correspondente pode permitir a concellos, autonomías ou Estado a edificación en áreas próximas aos ríos. En tal caso, moitas veces a construción depende da lexislación municipal ou autonómica ou se os concellos teñen xa listo o seu PXOM. Mais normalmente, estes plans de ordenación tardan en seren aprobados permitindo así a especulación urbanística aproveitando baleiros legais.

CAMBIO DE MENTALIDADE

A Fundación Nueva Cultura del Agua apunta que a pesar de estaren delimitadas as zonas de marxe e prohido construír sobre cauces de auga ou canalizalos “continúa a construírse en base á Lei de Augas de 1985”. Pola contra, en 2007 aprobábase a Directiva Europea de Zonas Inundables, texto que segundo Nueva Cultura del Agua, debera de terse aplicado inmediatamente despois da súa redacción.

Inundacións en Lugo polas fortes chuvias
Inundacións en Lugo polas fortes chuvias | Fonte: FB

Aínda así, as confederacións hidrográficas elaboran os seus plans para a xestión do risco de inundación, así como as autonomías. “Cremos que tanto as confederacións como os gobernos autonómicos deberan obrigar aos concellos a redefinir o seu mapa de inundacións e construír fóra desas áreas inundables”. No caso galego, está o plan INUNGAL sobre esta materia. A isto debe sumarse a necesidade de trasladar elementos poboacionais a lugares seguros: “en vez dun investimento en reconstrución dun lugar que pode volver a ser inundado, debera investirse nunha reformulación urbanística para evitar catástrofes”.

Pedro Calaza, da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, destaca a necesidade de cambios para termos “un equilibrio entre a contorna natural e a construción”. Mais os equilibrios coa contorna seguen en mans dos concellos e os PXOM de cada un, polo que se debera buscar un novo marco legal máis amplo para conseguir o equilibrio desexado. Porén, a creación de mapas de zonas inundables está permitindo a día de hoxe polo menos ter un coñecemento sobre a calidade dos diferentes firmes sobre os que construír. “No caso do litoral, por exemplo, as grandes construcións deberan estar afastadas da liña de costa” apunta Calaza.

Doutra banda, a necesidade de máis control sobre o rebordamento dos ríos debera levar a unha ampliación da súa marxe de desaugue. “Isto implicaría mesmo eliminar zonas canalizadas e obras que impidan o decorrer natural da corrente de auga” din desde Nueva Cultura del Agua. Preguntando sobre a obrigatoriedade do uso de determinados materiais en áreas inundables, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia apunta que non existe lexislación ao respecto.

E por último, “o cambio climático xa é unha realidade, as oscilacións de temperatura xa son marcadas” e isto fai necesario cambiar tanto os planos de construción como a mellora nos sistemas de alerta. Desde Nueva Cultura del Agua consideran que este tipo de alarmas e os plans ligados a ellas non deberan estar a discreción dun responsable político.

A conclusión é que as áreas de desaugue son espazos facilmente urbanizables ademais de seren idóneos para construír infraestruturas. Os espazos máis amplos, o atractivo desas veigas ou ribeiras e outras vantaxes converteron estas áreas nunha tentación para as inmobiliarias e a especulación urbanística.

Demarcacións Hidrográficas de Galicia
Demarcacións Hidrográficas de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta