Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/11/2024 | Actualizada ás 21:35
Feijóo segue no centro da política galega, para o bo e para o malo, a pesar de que hai tempo que deixou de ser o líder do PPdeG e presidente da Xunta. A Comisión de Investigación dos contratos da Xunta, especialmente os contratos da súa época como xefe do Executivo galego coa empresa da súa irmán, Eulén, nace xa viciada. Tan viciada que ameaza con dividirse en duas, a oficial, do PPdeG --a pesar de que foi pedida polo BNG--, e a alternativa, con socialistas e nacionalista. E todo, pola negativa dos populares a aceptar as propostas de comparecencia dos grupos da oposición, especialmente, a de Feijóo.
E é que a súa presencia neste órgano é fundamental para Bloque e PSdeG. Sen el, din, non ten sentido boa parte desta comisión. Por iso, xa apuntaron que se o PPdeG non se abre a admitir propostas de comparecencias, especialmente a de Feijóo, poden impulsar "comisións paralelas". "Hoxe temos unha comisión de investigación que promoveu o BNG co veto do PP no que o BNG non puido propor nin unha soa proposta para vir comparecer e non se acepta nin un só documento dos que nós solicitamos", indicaba a líder nacionalista Ana Pontón este luns."Isto é unha fraude á democracia, á cidadanía e unha falta de respecto ao funcionamento democrático, preocúpame que despois de tantos anos do PP pensen que as institucións son a súa leira particular", sinalaba na rolda de prensa posterior a Xunta de Portavoces.
"O PP decidiu seguir unha folla de ruta dirixida a que a comisión quede en nada, o cal sitúa ás forzas políticas en escenarios diferentes á comisión. Sentiremonos libres de expresar a través doutros mecanismos e fórmulas o que ocorreu con eses contratos", remarcaba pouco despois o líder do PSdeG, Xosé Ramón Besteiro, abrindo xa a porta a formular unha segunda comisión.
RUEDA, NON FEIJÓO PERO SI TOURIÑO
Para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a presencia de Feijóo non é necesaria. De feito, está convencido que socialistas e nacionalistas queren a súa comparecencia para "facer oposición a nivel nacional". "Alberto Núñez Feijóo vai para tres anos que non é presidente da Xunta", insistía Rueda, quen rexeita facer desta comisión de investigación, impulsada polo BNG, unha "comisión de difamación".
Con todo, e a pesar de negarse en redondo á comparecencia de Feijóo, Rueda cre que "poderían comparecer outros presidentes, á parte de Alberto Núñez Feijóo", que estiveron no cargo cando "se decidían asuntos que van ser obxecto da comisión". En concreto, referiuse de maneira velada ao socialista Emilio Pérez Touriño, xa que baixo o seu mandato chegouse a estudar o modelo para a construción do Álvaro Cunqueiro.
VETOS TAMÉN ÁS COMPARECENCIAS DE FAMILIARES DE FEIJÓO
Feijóo non é a única fricción --aínda que a máis importante-- para a posta en marcha desta investigación. Os populares tampouco queren que comparezan na Cámara, nin a irmán de Feijóo, Micaela Feijóo, unha das directivas de Eulén, nin Eloína Núñez, curmá do ex presidente galego e responsable da área sanitaria de Santiago nos últimos anos.
Ana Pontón cualificou de "inexplicable" e de "fraude á democracia" o "veto" do PP á comparecencia do expresidente e cuestionou esta postura por parte de quen "reclaman transparencia noutras institucións". Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro avisou de que "os obstáculos" do PP a este órgano sitúan ás forzas políticas "noutro escenario"."Imos continuar cos traballos na comisión, pero o intento de torpedear sitúa ás forzas políticas noutro escenario ben diferente", advertiu.
Non é a primeira vez que este órgano de investigación da Cámara galega nace viciado. Pasou xa coa comisión de investigación do Prestige e repetiuse coa da situación da sanidade pública, en 2015. Nas dúas o PP quedou só por tentar impor o seu plan de traballo e os grupos da oposición mesmo impulsaron comisións paralelas na Cámara para facer fronte ao "mecanismo do rodillo" dos populares.
PRESTIGE
unha das investigacións parlamentarias máis destacadas foi a creada sobre o Prestige, que tampouco chegou a emitir ditame final. Creada a proposta de BNG e PSdeG co apoio do PP só once días despois do afundimento do petroleiro o 19 de novembro de 2002, o seu desenvolvemento estivo marcado pola negativa a acudir á Cámara galega de altos cargos do Goberno central presidido entón polo popular José María Aznar.
A ausencia de membros do Executivo, sumada á doutros representantes da Xunta, provocou a saída dos grupos da oposición do organismo de forma temporal. Con nacionalistas e socialistas fóra, o PP valeuse da súa maioría absoluta para disolver a comisión a través dun procedemento aprobado en pleno que foi invalidado polo Tribunal Constitucional en 2004. A decisión do TC obrigou a reactivar un organismo que quedou finalmente nas pavías coa convocatoria de eleccións a mediados de 2005.
SANIDADE
Tamén a comisión de investigación impulsada en 2015 polos grupos da oposición sobre os recortes en sanidade quedou en nada. Nesta ocasión foi a primeira vez que se empregou o mecanismo habilitado coa reforma do regulamento do Lexislativo autonómico en 2015 que facilita o impulso de comisións investigadoras sen contar coa maioría do pleno. A unión de En Marea, PSdeG e BNG permitiu que se articulase unha comisión que eses mesmos grupos abandonaron en rexeitamento ao plan de traballo, no que o PP se negou a incluír a comparecencia dos familiares dunha persoa falecida mentres esperaba a ser atendido na PAC da Estrada. Os grupos da oposición decidiron continuar con outra comisión paralela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.