Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Contra todo prognóstico, Donald Trump gañou as eleccións estadounidenses por unha cantidade de votos considerablemente maior á da súa rival, Kamala Harris. O xa novo presidente dos Estados Unidos tinguiu o mapa do país de vermello ao impoñerse en cinco dos sete estados considerados bisagra ('swing states'), á agarda de que se proxecte o escrutinio en Nevada e Arizona, onde o republicano tamén mantén vantaxe. Así, Trump conseguiu 295 votos electorais (72.607.365 estadounidenses votaron polo candidato republicano, o 50,8 % da poboación), fronte as 226 votos electorais colleitados por Kamala (67.901.606 votos individuais, o 47,5 %). Ademais, débese ter en conta que os votantes latinos de Trump aumentaron en 13 puntos o seu apoio ao candidato e agora presidente electo, ata acadar o 45 % dese electorado, por enriba do récord entre candidatos presidenciais republicanos que ostentaba George W. Bush, conseguido no ano 2004.
Pola súa banda, a candidata demócrata e vicepresidenta obtivo un 54 % do voto hispano, moi por debaixo do 65 % que lograra Joe Biden nas eleccións do ano 2020, do 66 % de Hillary Clinton no 2016 e do 71 % de Barack Obama. Kamala Harris tivo unha peor acollida entre os votantes hispanos que Biden tamén en todos os estados bisagra ('swing states'), a excepción de Wisconsin. Tanto é así que os hispanos, incluíndo no grupo aos galegos, foron esencias na vitoria electoral de Trump, que decidiu atraelos cara a súa candidatura incidindo en propostas económicas, de loita contra a inflación, de creación de emprego e asegurándolles que a política migratoria do ata agora presidente Biden tamén lles afectaba negativamente. E é que Trump asegurou durante a campaña que con el os migrantes legais non ían ter ningún problema, pero si os ilegais, aos que deportaría, reforzando tamén os controis migratorios. Dende o Galicia Confidencial falamos con Salvador Monteagudo, un galego de case 70 anos que leva vivindo media vida nunha vila de Manhattan, New Rochelle, próxima á cidade de Nova York, que nos explica que está pasando coa inmigración ilegal nos Estados Unidos e por que iso, entre outros factores, podería ter decantado a balanza a favor de Trump.
"PENSABAMOS QUE SE GAÑABA TRUMP ÍA SER CASE POR UN FORA DE XOGO DESES QUE NO FÚTBOL TEÑEN QUE REVISAR NO VAR, PERO PARA NADA"
Para Salvador, como para a maior parte da poboación estadounidense e internacional, a vitoria tan abafante de Trump foi unha verdadeira sorpresa: "Pensabamos que se gañaba Trump ía ser case por un fora de xogo deses que no fútbol teñen que revisar no VAR, e para nada, a vitoria sobre Harris foi bastante sólida". En primeiro lugar, considera que isto se debe en parte a que, "nos catro anos que levan gobernando os demócratas, fixéronlle demasiado caso á extrema esquerda, e creo que iso lles perxudicou bastante". Ademais, tamén apunta a que "a campaña de Kamala foi bastante mala, ata o punto de que ás veces lle facían unha pregunta e falaba, falaba e falaba sen dicir nada finalmente e sen contestar á pregunta directamente". Neste senso, este galego explica que "xa se veu cando a nomeou Biden que non estaba preparada para o cargo, porque durante os tres anos e medio que estivo como vicepresidenta non foi quen de facer nada tampouco".
En concreto, Salvador apunta a que Kamala durante o seu mandato como vicepresidenta "estivo a cargo do que aquí se coñece como bordo do sur, a fronteira de Estados Unidos con México, e non fixo nada" no tocante á contención da inmigración ilegal, cofirmando as políticas de fronteiras abertas de Biden; e, "cando foi da guerra de Afganistán, optar pola retirada foi un fracaso total", pois a saída das tropas estadounidenses do país deixou nunha situación moi difícil a milleiros de afganos que durante anos colaboraron con Occidente e que quedaban a merced da insurxencia talibán. "Foron moitos factores os que se sumaron e os que transmitiron aos estadounidenses a sensación de que Kamala non estaba preparada para o cargo de presidenta", explica, destacando que, de feito, "cando ela concorreu para a candidatura demócrata no ano 2019, foi a primeira candidata en quedar fóra da competencia, sen gañar practicamente ningún voto".
"HAI VILAS DE 3.000 HABITANTES AOS QUE LLES CHEGAN 2.000 INMIGRANTES DE GOLPE, ALGO INASUMIBLE PARA A SÚA ECONOMÍA E XEITO DE VIDA"
Pola contra, este galego afincado preto de Nova York cre que "a xente estaba xa cansa de como os demócratas estaban manexando o país, cunha inflación desorbitada e con moitos inmigrantes ilegais que se recolocan en pequenas vilas onde causan estragos". "Agora mesmo ves cidades nunha situación moi precaria, e non só cidades grandes, senón pequenas vilas de 3.000 ou 4.000 habitantes ás que, de súpeto, lles chegan 2.000 ou 3.000 inmigrantes de golpe, o que resulta inasumible para a economía, os traballos e a maneira de vivir da xente dalí", explica Salvador, que asegura que, ante esta situación, "aínda sen estar en contra da inmigración, porque eu tamén fun inmigrante, ves que hai un tipo concreto, a inmigración ilegal, como a que se está vivindo tamén España en menor contía, que está a facer mal ao país". "En Estados Unidos ninguén está en contra da inmigración legal, o problema que hai é que hai moita inmigración ilegal e masiva de persoas", denuncia.
E é que Salvador aínda lembra cando el chegou aos Estados Unidos: "Eu estiven varios meses agardando para poder vir porque tiña que agardar a que estivesen todos os trámites aprobados, ir á Embaixada, sacar un documento conforme non tiña antecedentes penais e demais papeleo". Sen embargo, afirma que "agora está entrando xente que non cumpre con todos estes requisitos" e que, "segundo se fala, mesmo poderían ter chegado de cárceres de Venezuela que están a ser baleiradas por Maduro, persoas que están chegando aquí a Estados Unidos do mesmo xeito que cando Fidel Castro baleirou hospitais e cárceres en Cuba de 'pandilleros' que remataron chegando a Miami e causando estragos, delinquindo, roubando e agredíndose entre eles e tamén á poboación local". Hoxe por hoxe, asegura que aínda que non hai probas de que isto estea a acontecer como tal, "si que é evidente para os estadounidenses que hai inmigración ilegal presente no país que non ten moi boas intencións, algo que tamén se reflexa todos os días nos telexornais, onde se pode ver a estas persoas roubando e agredindo".
"TRUMP ASEGUROU QUE OS INMIGRANTES ILEGAIS QUE TEÑAN ANTECEDENTES E QUE SE ESTEAN PORTANDO MAL SERÁN EXPULSADOS DE ESTADOS UNIDOS"
Fronte a esta situación, Trump fixo unha campaña centrada nun cambio de rumbo na política migratoria dos Estados Unidos. Segundo indica Salvador, "asegurou que aos inmigrantes ilegais que teñan antecedentes e que se estean portando de mala maneira no país os vai expulsar", algo que "tamén fixo Obama na súa etapa como presidente". Máis en concreto, durante a campaña, unha das principais propostas de Trump foi o selado da fronteira con México e a promesa de facer a deportación máis grande de inmigrantes da historia do país. De feito, asegurou estar disposto a seguir construíndo o muro fronteirizo que xa comezara durante o seu anterior mandato e a tomar medidas drásticas contra os carteles que trafican con drogas e persoas. Tamén propuxo a aplicación das leis de inmigración para reducir a inmigración ilegal, medidas para previr as cidades santuario e apoiar ás forzas da orde para que garantan a seguridade dos traballadores estadounidenses fronte aos inmigrantes ilegais. Certo ou non, haberá que agardar para comprobalo, pero este galego considera que ten todas as trazas de que será así, porque "ata o de agora Trump demostrou, tanto para o bo como para o malo, que cando di algo, case sempre o cumpre".
"TAMÉN DIXO QUE SE CHEGABA NOVAMENTE A PRESIDENTE SERÍA QUEN DE POÑER FIN ÁS GUERRAS DE UCRAÍNA E GAZA"
No tocante á política e as relacións internacionais, cómpre lembrar que Trump xa pasou á historia por ser un dos poucos, ou practicamente o único, presidente dos Estados Unidos que non entrou en ningún conflito. Tanto é así que Salvador asegura que "aquí é moita a xente que pensa que se Trump tivese sido presidente durante estes catro anos no lugar de Biden, ningunha das guerras actuais, nin a de Israel e Palestina nin a de Rusia e Ucraína, existirían xa". Sexa como fose, durante a súa campaña, "el asegurou que, se chegaba novamente á Presidencia, sería quen de poñer fin a estas guerras, e oxalá sexa así", só o tempo o dirá. E tamén dirá como se logra ese fin das guerras, pois Trump sinalou en numerosas ocasións á 'paz mediante a forza', coa reconstrución do exército e o fortalecemento das alianzas de Estados Unidos con outros países. Na súa campaña recóllese o plan de investir en tecnoloxías militares avanzadas, como o escudo de defensa antimisís Domo de Ferro de Israel, e apoiar un maior salario para os militares, así como que buscará a paz no Medio Oriente e no Indopacífico, mentres reconstrúe o peso estadounidense a nivel global.
"XA NO PRIMEIRO MANDATO PUXO ARANCEIS A MOITAS COMPAÑÍAS AMERICANAS QUE SE ÍAN AO ESTRANXEIRO A FABRICAR OS PRODUTOS MÁIS BARATOS"
Finalmente, polo que respecta á economía e á política arancelaria para frear ao comercio chino e a competencia desleal contra as empresas locais, Salvador lembra que "xa no seu primeiro mandato, puxo tarifas e aranceis a moitas compañías americanas que marcharan ao estranxeiro a fabricar os seus produtos máis baratos para logo vendelos nos Estados Unidos, e iso fixo que, ao final, moitas delas tivesen que volver a producir localmente porque facelo fóra das fronteiras estadounidenses xa non lles saía rendible". Así, este galego considera que "quizáis Trump poida volver facer algo así, alo menos durante a campaña dixo que o ía facer". En concreto, a proposta de Trump pasaba por establecer altos aranceis do 10 ao 20 % aos bens de importación, para promover así o crecemento interno do país. Pola contra, para as empresas estadounidenses, a proposta pasa por baixar impostos para impulsar o seu crecemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.