O TSXG ratifica a condena a un exconcelleiro de DO por acoso á xefa de Policía Local e critica a "mofa" de Jácome

O alto tribunal cualifica de "sorprendente" que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jacome, "non tivese coñecemento" de que o edil dese a orde de entrar cun cerralleiro no despacho da xefa da policía, uns días despois de que esta causase baixa por incapacidade temporal.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/11/2024 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena ao ex edil de Democracia Ourensana Telmo Ucha, así como ao propio Concello de Ourense, por acoso laboral á xefa da policía local, a intendente María Barrera, tras desestimar o recurso de suplicación presentado polo Consistorio. Ademais, o alto tribunal afea ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que se "mofase" da denuncia.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia entende que a actitude do concelleiro Telmo Ucha, que por aquel entón levaba a área de Seguridade Cidadá, "para coa xefa da policía local, tanto antes de asumir a concellaría como posteriormente, sen dúbida era coñecida no ámbito do concello, pois eran manifestacións en redes sociais, en prensa e nas propias dependencias".

Así pois, cualifican de "sorprendente" que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jacome, "non tivese coñecemento" de que o edil dese a orde de entrar cun cerralleiro no despacho da xefa da policía, uns días despois de que esta causase baixa por incapacidade temporal.

O tribunal reprocha que nin nese momento o rexedor "interesouse polo ocorrido nin adoptou medidas". "Non é comprensible que estes feitos de suma gravidade non fosen coñecidos polo señor alcalde cando sucederon, e se unicamente cando a actora remitiu un burofax ao señor alcalde opóndose á actuación levada a cabo", esgrimen na sentenza, na que o tribunal expoñen que "nin sequera nese momento consta actuación algunha do concello" acerca dun feito "tan grave e desproporcionada" como é o desaloxo "pola forza dun despacho dun funcionario público".

"A inacción do concello demandado constitúe unha infracción en materia de prevención de riscos laborais por incumprimento dos dispostos no artigo 14.1 da lei de prevención de riscos laborais, que establece o dereito de todo traballador a unha protección eficaz de materia de seguridade e saúde no traballo; sendo o acoso un dos riscos que se pode producir", manifesta a sentenza.

Así, o fallo comparte os argumentos esgrimidos polo xuíz do Social 1 de Ourense, que xa condenara por acoso, expondo que "mesmo no caso de que non houbese acoso o protocolo debe de porse en marcha e pecharse no caso que se aprecie que a denuncia do traballador é infundada".

"Pero o que nunca procede ante unha denuncia por acoso é non facer nada como fixo o concello demandado", sinalaban o xuíz do Social e recolle a sentenza do TSXG. Todo iso para o alto tribunal mostra "absoluta pasividade" por parte do concello.

CRÍTICA A ACTITUDE DE JÁCOME

Ademais, consideran que as manifestacións efectuadas "tanto polo concelleiro como polo señor Alcalde nos plenos ordinarios do concello, así como en redes sociais" son "absolutamente impropias dun mandatario público que exerce autoridade".

"Sen dúbida estase mofando da denuncia de acoso presentada pola xefa de policía local insinuando que a acosadora é ela, o cal, evidentemente, afecta á dignidade desta mentres segue sen adoptar medida algunha para iniciar o protocolo ante unha denuncia de acoso laboral", reprocha o tribunal. Por todo o exposto consideran que se acreditou que se infrinxiu a normativa laboral en materia de prevención de riscos laborais, desestimando o recurso.

Así as cousas, o concello e o ex concelleiro- que non recorrera- terán que facer fronte conxunta e solidariamente á indemnización previamente imposta de 30.000 euros á xefa da policía local. Aínda que aínda cabe a posibilidade de presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Toma de posesión do concelleiro Telmo Ucha
Toma de posesión do concelleiro Telmo Ucha | Fonte: OURENSE.GAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta