Así se conseguiu a protección do Banco de Galicia

Investigadores da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA participaron no proxecto Life+ Indemares, que deu como resultado a declaración do Banco de Galicia como espazo protexido pola Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/02/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Banco de Galicia xa é unha zona protexida. O Diario Oficial da Unión Europea publicou recentemente a súa declaración como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura 2000. Agora, afondamos, da man da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, nas orixes do gran proxecto de investigación que supuxo a consecución desta importante declaración de protección para unha zona de enorme valor ecolóxico.

Equipo de investigación da CEMMA que levou adiante as campañas oceánicas no Banco de Galicia
Equipo de investigación da CEMMA que levou adiante as campañas oceánicas no Banco de Galicia | Fonte: CEMMA.

O proxecto INDEMARES

O proxecto LIFE+: Inventario e Designación da Rede Natura 2000 en Áreas Mariñas do Estado Español-INDEMARES, desenvolvido entre os anos 2009 e 2013, tivo como obxectivo contribuír á protección e uso sostible da biodiversidade nos mares competencia do Estado español mediante a identificación de dez espazos de valor para a Rede Natura 2000. Para iso, dispúxose dun orzamento de 15,4 millóns de euros, cofinanciado pola Comisión Europea nun 50 por cento.

Coordinado pola Fundación Biodiversidade, o proxecto tivo un enfoque participativo e interdisciplinar, integrando o traballo de institucións de referencia no ámbito da xestión, a investigación e a conservación do medio mariño: o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Medio Mariño (a través da Secretaría Xeral do Mar), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ALNITAK, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, OCEANA, a Sociedade para el Estudio de los Cetáceos en el Archipiélago Canario, SEO/BirdLife e WWF España.

En Galicia, a Coordinadora para o Estudo dúas Mamíferos Mariños-CEMMA, foi responsable das accións de estudo de distribución e abundancia de cetáceos que se desenvolveron en Galicia e no Norte peninsular no ámbito INDEMARES: Banco de Galicia e Cañón de Avilés, e son continuación das liñas de traballo levadas a cabo nestas áreas mariñas desde o ano 2006, en colaboración coas entidades do norte: CEPESMA, AMBAR e EIBE. No relativo ao Banco de Galicia a CEMMA desenvolveu campañas de seguimento de cetáceos e aves mariñas nos anos 2006-2007 e 2009-2011, apoiadas pola Fundación Biodiversidad.

Situación do Banco de Galicia
Situación do Banco de Galicia | Fonte: IEO.

Equipo a bordo

O equipo que realizou as campañas oceánicas da CEMMA estivo composto por un total de nove biólogos e biólogas, especialistas no medio mariño, compoñentes ou colaboradores da CEMMA, dirixidos polo biólogo responsable das campañas marítimas de investigación en augas oceánicas da CEMMA Jose A. Martínez Cedeira, actual presidente da entidade galega. Contouse a bordo con especialistas en observación de cetáceos,  investigación acústica, audivisuais e ornitólogos da SEO.

Ademais, a Confraría de Celeiro colaborou coa CEMMA proporcionando a embarcación para poder levar a cabo a campaña, utilizando os barcos Santiago Apóstolo e Anxuela

Características do Banco de Galicia

O Banco de Galicia é unha elevación dos fondos mariños, é dicir, unha montaña submarina, de 4.400 metros, que chega desde as chairas abisais a 5.000 metros de profundidade ata o cume, que está a 600 metros da superficie. Sitúase a 120 millas da costa galega (coordenadas da súa área central 42º40’N 11º43’W) e está separado da plataforma de Galicia por unha canle de 2.500 metros de profundidade e a máis de 100 millas.

Segundo explican os expertos da CEMMA, esta montaña submarina funciona como un oasis no centro do océano, xa que os seus fondos contan con máis de 790 especies de diferentes grupos, como esponxas, moluscos, vermes, poliquetos, corais, peixes e ourizos, con presenza de especies vulnerables como as quenllas, grandes depredadores de crecemento lento.

Debido á lonxanía do Banco de Galicia respecto dos principais focos de presión, o seu grao de conservación é moi alto. Malia que se trata dun lugar afastado do impacto directo que producen as actividades humanas, a xestión adecuada de actividades como a pesca, o tráfico marítimo e o posible tendido de cables submarinos de fibra óptica é vital para previr a xeración de graves impactos que modifiquen as condicións oceanográficas ou alteren a biodiversidade, explican os investigadores da CEMMA.

A densidade de cetáceos e aves mariñas, unha das máis altas de Europa, estudada na zona pola CEMMA mediante os embarques realizados durante o proxecto LIFE-INDEMARES, nos que estiveron presentes investigadores da SEO a bordo. Mentres que a biodiversidade subacuática e dos fondos foi investigada durante o mesmo proxecto polo Instituto Español de Oceanografía (IEO).

O valor de conservación desta zona é enorme, sobre todo no relativo aos fondos de arrecife. No val da montaña que conforma o Banco de Galicia, pero algo máis ao sur da zona de conservación, é onde se atopa afundido o Prestige.

Resultados das campañas

Ao longo das tres campañas levadas a cabo no Banco de Galicia durante o proxecto INDEMARES, 2009-2011, mostrexáronse un total de 3.170,16 km2 efectivos, nos que se realizaron un total de 97 avistamentos correspondentes a 80 avistamientos sistemáticos en períodos de esforzo de observación e 17 oportunistas en período de navegación sen esforzo.

Mediante a estimación da detectabilidade, para respostar a pregunta de cantos animais se viron respecto aos que realmente hai no mar na mesma zona na que se estaba traballando, establéceuse un valor total de observación do 23% dos animais presentes na zona, para os pequenos cetáceos, e do 34% dos animais presentes na zona, para os grandes cetáceos, segundo os datos aportados pola CEMMA.

Analizando todos os avistamentos conxuntamente obtívose que, en base aos 80 avistamentos (un total de 502 individuos observados), a media por grupo é de 6,2 exemplares, cunha taxa de encontro de 47 km2 percorridos e observados por cada avistamento realizado. Con estes datos obtívose unha densidade media relativa de 1,18 individuos cada 25 km2, o que supón unha abundancia absoluta estimada de 1.878 individuos (rango 1.776-1.979) na zona establecida dun total de.10624 km2 de superficie mostrexada.

A partir dos avistamentos sistemáticos, os investigadore da CEMMA explican que puideron comprobar que a balea común (Balaenoptera physalus) rexístrase todos os anos, aínda que varía moito o número de avistamentos segundo o ano, acadando un máximo no ano 2010 e diminuíndo considerablemente no 2011, ano no que se observou máis nos percorridos ata a zona de estudo que sobre o propio Banco. Outra especie que se observou de xeito habitual na zona de estudo é o golfiño riscado (Stenella coeruleoalba), aínda que en número moi inferior á balea común. O número de avistamentos do resto de especies é moi variable, no 2011 aumentou o número de avistamentos de arroaz (Tursiops truncatus) e observouse por primeira vez na zona caldeirón común (Globicephala melas). Con todo, este último ano non se rexistrou o golfiño común (Delphinus delphis), o arroaz boto (Grampus griseus) nin a candorca (Orcinus orca), que foron detectados nos anos anteriores, salientan os investigadores.

O cachalote (Physeter macrocephalus) e o cifio de Sowerby (Mesoplodon bidens) só se observaron de forma sistemática na primeira campaña de 2009, en cambio o cifio común (Zhiphius cavirostris) foi rexistrado en todas as campañas.

Rexistráronse un total de 11 especies, dez no traballo de observación directa, e unha máis a través do estudo acústico, que non foi observada directamente, a xibarte (Megaptera novaeangliae), destacando a presenza de caldeirón común, golfiño riscado e común, arroaz e arroaz, especies que viven preto da costa, ou sobre, as plataformas continentais e de hábitos menos oceánicos que as baleas e cachalote. Tamén é destacable, e esperada, a presenza de cachalote, cifios e candorca.

As campañas foron realizadas en distintas épocas do ano (2009: agosto, 2010: maio, 2011: setembro) o que pode afectar á presenza de certas especies que realizan migracións, como é o caso do rorcual común.

Nos anos 2006 e 2007, a CEMMA realizou xa dúas campañas na zona, nas que observaron que, en xeral, non houbo grandes variacións en canto á presenza, densidade e abundancia dos registros anteriores. Non se rexistrou nestas campañas de INDEMARES á balea boreal (Balaenoptera borealis), observada anteriormente, aínda que se rexistraron outras especies non citadas antes na zona como son o caldeirón, o arroaz boto, os cifios de Sowerby e común e a balea xibarte.

Valor de conservación

Para os investigadores da CEMMA,  valor desta área para a conservación dos cetáceos vai ser moi importante, culminando así a información mínima requirida para a proposta dun área protexida para todos os seus valores ambientais, que o será tamén como santuario para as baleas, e outros cetáceos, especialmente simbólico desde este punto de vista ao tratarse en Banco de Galicia como un dos principais caladoiros de baleas que abasteceu ás factorías baleeiras galegas durante 40 anos, entre 1945 e 1985.

Logo dos informes preceptivos do INDEMARES, o Estado español declarou a protección do Banco de Galicia a través da Orde AAA/1299/2014, de 9 de xullo de 2014, coa referencia ESZZ12001, sendo enviada a documentación á Unión Europea en tempo e forma que ben de aceptar a área como Lugar de Interese Comunitario incluída na Rede Natura 2000.

A resolución de 20 de novembro de 2015, da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, publicada o 21 de xaneiro de 2016, declara a integración na Rede de Áreas Mariñas Protexidas de España as zonas de especial protección para as aves mariñas da Rede Natura 2000, incluóndo o Banci de Galicia ZEPA ES0000498.

--------------------------

Máis información, no informe Banco de Galicia: Áreas de estudio del proyecto LIFE+ INDEMARES.

Exemplar de balea observado por membros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños
Exemplar de balea observado por membros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños | Fonte: CEMMA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta