Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2024 | Actualizada ás 19:19
A Xunta e os Colexios oficiais de Médicos de Galicia acordaron este mércores a creación dun grupo de traballo para buscar solucións que permitan paliar a falta de profesionais sanitarios que afecta á comunidade e que é "un problema xeneralizado no conxunto de España".
Así o decidiron nun encontro en Santiago no que participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato; o xerente do Sergas, José Ramón Parada; e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo.
Por parte dos colexios estiveron presentes o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos e do Colexio oficial de Médicos de Lugo, Eduardo Igrexas; o secretario do Consello Galego de Colexios Médicos, Juan José López Díaz; o presidente do Colexio oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán; a presidenta do Colexio oficial de Médicos de Ourense, Pilar Garzón; e o presidente do Colexio oficial de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago.
No encontro, tanto os representantes da Consellería de Sanidade como os Colexios oficiais de Médicos coincidiron na necesidade de abordar o déficit de profesionais e dialogar posibles solucións para paliar este problema.
A tal fin, constituirase un grupo de traballo no que se incidirá nas demandas que a Xunta xa lle vén trasladando desde hai tempo ao Goberno de España, "como responsable último na adopción das medidas necesarias para incrementar o número de profesionais dispoñibles e garantir a mellor asistencia sanitaria", apunta a Xunta.
Nese grupo de traballo tamén se avaliarán medidas encamiñadas a prestigiar a profesión e de face a garantir a atención sanitaria a toda a poboación galega, tendo conta a situación actual. A Xunta está a adoptar medidas no campo das súas competencias para tratar de paliar este déficit de profesionais, dixo o Goberno galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.