Por E.P. | PONTEVEDRA | 18/11/2024 | Actualizada ás 17:27
A Casa consistorial acolleu este luns o primeiro pleno do Concello de Pontevedra tras a reinauguración deste histórico edificio nun acto celebrado o pasado venres. Así, a actividade política retomouse no salón nobre, 25 anos despois, coa lectura da declaración institucional do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres.
Este manifesto, que foi elaborado polo Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, destaca que para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia de xénero é necesario atender "con urxencia" o acceso universal á atención psicolóxica especializada, a "formación e sensibilización continua" tanto para profesionais da saúde como para as forzas de seguridade e servizos sociais, o compromiso de recursos económicos e profesionais "estables e suficientes", maior coordinación e coñecemento dos recursos existentes e, por último, prevención e educación desde a infancia.
TAXA DE LIXOS
En canto á parte resolutiva da orde do día do pleno, o debate principal estivo na nova ordenanza de lixos e a taxa que se aplicará para financiar a recollida de residuos, que foi aprobada polo BNG e o PSOE, mentres que o PP votou en contra.
O concelleiro nacionalista César Mosquera rexeitou que o goberno local vaia a aplicar un "tasazo" e defendeu que se trata de "facer unha redistribución máis xusta", para que non pague o mesmo polo tratamento de residuos unha industria que teña oito traballadores que unha que teña 400.
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular rexeitou esta taxa por ser un "asalto directo" aos petos dos cidadáns que só "desincentivará" á cidadanía de seguir avanzando na reciclaxe e porque freará os investimentos municipais.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez culpou ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, desta taxa que suporá, dixo, unha "enorme perda de poder adquisitivo" para os pontevedreses.
Pola súa banda, o portavoz do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, lembrou que esta ordenanza inclúe bonificacións para "quen aforra diñeiro de todos" ao reciclar e separar os residuos.
Así mesmo, por unanimidade o pleno municipal deste luns aprobou dúas mocións do PSOE: unha para crear unha rede de desfibriladores externos nos espazos e edificios públicos e outra para impulsar melloras na rede de centros socioculturais de Pontevedra, dotando destes recursos ás parroquias Lérez, Marcón e Verducido.
Tamén obtivo un respaldo unánime a proposta do PP para crear un consello sectorial de accesibilidade que permita recoller suxestións en materia de mobilidade e discapacidade no deseño urbano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.