Case a metade dos concellos de Galicia teñen un plan urbanístico anterior a 1997

Arquitectos sinalan que a axilidade na construción de vivenda "non pode vir" polo levantamento de controis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2024 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O "45 %" dos concellos de Galicia teñen un plan urbanístico anterior á lexislación de 1997 que, nas cidades galegas, ocasiona "certos problemas". Así o explicou este mércores nunha rolda de prensa o presidente da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia, Alfonso Díaz, na que tamén participou o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya.

Eses plans, continuou, "non foron sometidos nunca" a un proceso de avaliación ambiental estratéxica e "non están pensados" para as realidades actuais. "O 45 % da poboación rexional vive, nestes momentos, en territorios con plans completamente obsoletos e actualmente aínda vixentes", sinalou. Na actualidade, para facer un plan urbanístico hai que ter en conta numerosos factores: análise dos aspectos de mobilidade, incorporar temas relacionados coa paisaxe, o cambio climático e ter en conta todos os aspectos ambientais.

AGRUPACIÓN DE ARQUITECTOS URBANISTAS DE GALICIA

No panorama galego aínda "queda moito por facer" e esa tarefa será unha "das máis urxentes" que tratará a nova Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia. A Agrupación, que foi presentada durante esta xornada e que conta con 103 arquitectos colexiados inscritos, nace para velar polo prestixio da actividade profesional no ámbito do urbanismo, defender os intereses profesionais específicos das persoas que forman parte da agrupación, fomentar a solidariedade, comunicación e cooperación entre as persoas que forman a agrupación e coordinarse con outras organizacións do ámbito estatal, entre outras cuestións.

Así, despois dunha asemblea que terá lugar o 28 de novembro, establecerán unhas liñas de actuación e construirán diversos grupos de traballo co fin de responder a "calquera licitación e demanda" tanto desde o punto de vista social como desde o ámbito colexiado. Ademais, detallou Luciano Alfaya, o colectivo de arquitectos está "preocupado" pola "lentitude da tramitación" de moitas cuestións que afectan o aumento do urbanismo e á concesión de licenzas.

CONSTRUCIÓN DE VIVENDA

Por outra banda, a preguntas dos medios sobre a prioridade da Xunta para a construción de vivenda, ambos os profesionais incidiron en que é importante que, ante as urxencias, "non se perda o control". "A axilidade non pode vir polo levantamento dos controis, terá que vir por outra vía. Levaríanos a unha mala solución", puntualizaron.

Un guindastre xunto a un edificio en construción propiedade dunha inmobiliaria
Un guindastre xunto a un edificio en construción propiedade dunha inmobiliaria | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta