“Galicia precisa un centro de recuperación de fauna mariña”

José Cedeira, presidente da CEMMA, pide nesta entrevista revitalizar o proxecto paralizado deste centro autonómico na parroquia baionesa de Baredo, cuxa execución é de responsabilidade compartida entre Xunta e Goberno central.

Por Alberto Quian | Vigo | 12/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños - CEMMA leva cinco lustros traballando no estudo, divulgación e conservación dos mamíferos e tartarugas mariñas en Galicia. José Cedeira, biólogo e presidente da CEMMA, fai nesta entrevista un balance destes case 25 anos de actividade.

Equipo de investigación da CEMMA que levou adiante as campañas oceánicas no Banco de Galicia
Equipo de investigación da CEMMA que levou adiante as campañas oceánicas no Banco de Galicia | Fonte: CEMMA.

Tamén tratamos outros temas prioritarios, como a escaseza de axudas públicas para a conservación do medio mariño, o papel das administracións públicas e a creación pendente dende hai seis anos dun centro de recuperación da fauna mariña en Galicia, competencia da Xunta e do Goberno central, e paralizado. 

O biólogo e presidente da CEMMA fálanos, ademais, da evolución da conciencia ecolóxica dos mariñeiros galegos e da sociedade, en xeral, para a conservación dos recursos do mar e da costa.

Lémbranos tamén que houbo unha Galicia que se dedicou á caza da balea e explícanos por que este 2016 é o Ano da Candorca.

Pero antes, iniciamos a conversa cun fito recente, a declaración do Banco de Galicia como espazo protexido pola UE, grazas ao gran proxecto de investigación Life+ Indemares, no que participou a CEMMA

A tartaruga mariña Rostro, cando foi liberada logo de máis de ano e medio de recupración nas instalacións de CEMMA
A tartaruga mariña Rostro, cando foi liberada logo de máis de ano e medio de recupración nas instalacións de CEMMA | Fonte: CEMMA.

- Que supón para o Banco de Galicia a súa declaración como espazo protexido pola UE?

- A declaración do Banco de Galicia como área mariña protexida implica dous aspectos fundamentais: por unha banda, o seu recoñecemento como área mariña de grande importancia ecolóxica, e pola outra, un paso adiante de cara á conservación dos ecosistemas e especies que alberga.

- E que supón para Galicia, como recurso, e para os científicos, como zona de investigación?

- A nivel pesqueiro, o Banco de Galicia nunca foi unha zona de grande interese. No pasado houbo certa actividade, vinculada á pesca de palangre, pero de pouca importancia a nivel económico e social. Nas décadas que van dos anos 50 os 80 foi unha das zonas de caza de balea común para a frota baleeira galega. Na actualidade limítase prácticamente á costeira do bonito.

A nivel científico constitúe unha zona de especial interese, tanto polas súas característas físicas e ambientais, como polos ecosistemas e especies presentes nas súas aguas.

- Que fai singular ao Banco de Galicia?

- Principalmente dúas cuestións. A súa estructura, xa que se trata dunha montaña submarina que ascende dende os 5.000 metros de profundidade ata os 600, aproximadamente, e presenta unha especie de chaira ou meseta na cima. E tamén a súa ubicación xeográfica, xa que está situado a unhas 100 millas ao oeste da costa galega.

- Falemos das especies que se atopan nesta zona. Cales foron os principais achádegos nas súas campañas?

- As campañas realizadas pola CEMMA no Banco de Galicia estiveron centradas no estudo dos cetáceos, realizando monitorización mediante avistamentos e tamén a través de rexistros acústicos con hidrófono de arrastre. Foron rexistradas once especies de cetáceos, destacando dúas delas, a balea común e o golfiño riscado, das que se realizaron un maior número de avistamentos.

- Que especies son as máis características desta zona e cales son máis vulnerables e requiren dunha especial protección?

- Ademáis das dúas especies citadas anteriormente, cabe destacar aos cífios, que son un conxunto de especies de cetáceos coñecidos como "grandes mergulladores", que viven en zonas de moita profundidade. Tamén é importante a poboación de arroaces oceánicos. En principio, todas as especies de cetáceos rexistradas alí son vulnerables e requiren unha protección.

- Que traballos quedan por realizar?

- En canto aos cetáceos, queda prácticamente todo por facer. O único que coñecemos polo de agora son as especies presentes na zona, e a estima do tamaño poboacional dalgunha delas. Pero é preciso realizar máis campañas para tratar de rexistrar novas especies, determinar os tamaños de poboación de todas elas, coñecer cales son as súas amezas e plantexar medidas efectivas para a súa conservación.

- Falan da necesidade de regular actividades como a pesca, o tráfico marítimo e o posible tendido de cables submarinos de fibra óptica nesta zona. Cales son as ameazas reais e potenciais, e que se debería facer?

- Todas elas son ameazas potencias, tanto para os cetáceos como para outras especies, pero en realidade descoñécese cales son as ameazas reais. Tal e como dixemos, o primeiro paso sería levar a cabo novas campañas e aumentar o traballo de monitorización. Para conservar é imprescindible coñecer, e do Banco de Galicia aínda descoñecemos moitas cousas.

- Que consecuencias tivo o afundimento do Prestige nesta zona? Obsérvanse aínda efectos?

- O afundimento do Prestige produciuse ao sur do Banco de Galicia, fóra da zona que foi declarada como área protexida. Posiblemente o fuel debeu ter efectos moi negativos na zona do afundimento, principalmente sobre os organismos bentónicos que viven pegados no fondo mariño, pero nós non levamos a cabo ningún tipo de estudi¡o para avaliar este posible impacto. O que si podemos indicar é que nas campañas realizadas non observamos efectos directos relacionados coa marea negra nos mamíferos mariños, pero isto non significa que non sufrisen ningún tipo de impacto.

- Contribuíu a catástrofe do Prestige a que a sociedade galega teña un maior compromiso ecolóxico e medioambiental, ou queda moito por facer?

- Sen dúbida, contibuíu e seguramente teñamos que falar dun antes e un despois do Prestige cando nos referimos á sensibilización ambiental en Galicia, aínda que posiblemente o que aconteceu naquel momento foi que estoupou un movemento social a prol da conservación da natureza que xa viña de moi atrás. Lembremos por exemplo a importancia que tivo o movemento ecoloxista en Galicia coas actividades iniciadas a finais dos anos 70 para tratar de poñer fin á caza da balea, e que resultou un elemento fundamental para acadar ese obxectivo en 1986.

-Vostedes traballaron nun gran proxecto que foi ‘Galicia no lombo da balea’. Que se pode destacar daquela Galicia que era potencia na caza de baleas?

- Houbo dúas etapas ben diferenciadas. A antiga tivo lugar entre os séculos XIII-XVIII, e daquela cazábase a balea vasca dende pequenas embarcacións a remo empregando arpóns de man. Grazas a este proxecto conseguimos localizar numerosos restos óseos das baleas que foron cazadas naquela época. Moitos destes restos foron recollidos realizando mostraxes submarinas con equipos de mergullo autónomo.

Posteriormente no século XX, durante a chamada etapa moderna, montáronse tres factorías terrestres en Galicia e os cetáceos se capturaban con barcos de varpor equipados con canóns lanza arpóns. Calcúlase que entre os anos 50 e 80 foron capturados máis de 6.000 cachalotes e 4.500 baleas comúns en Galicia.

Foi unha actividade coa que os empresarios chegaron a obter enormes beneficios económicos, e que tivo un efecto moi negativo sobre as poboacións de cetáceos, principalmente no caso do cachalote. Afortunadamente todo aquilo xa forma parte do pasado.

Co proxecto 'Galicia no lombo da balea' conseguimos contactar cos últimos baleeiros e traballadores das factorías para recopilar información e documentos, e sobre todo para recoller e conservar os seus testimonios e coñecementos.

- Falemos agora do traballo da CEMMA en xeral. O próximo ano cumprirán 25 anos. Que valoración fan? Que foi o máis positivo e o máis negativo neste tempo?

- A valoración é moi positiva, sen lugar a dúbidas. Posiblemente os compañeiros que puxeron en marcha a entidade a comezos dos anos 90 nin sequera soñaban con poder chegar a acadar moitos dos obxectivos que xa se cumpliron.

Hai moitas cousas positivas: a realización de determinados proxectos e os resultados obtidos, o traballo de educación e sensibilización ambiental que se levou a cabo,o apoio e a ilusión que amosan os socios e colaboradores no día a día, os animáis que puideron ser recuperados e devoltos ao mar...

O máis negativo é a falta de compromiso, en materia de conservación, por parte das autoridades competentes, que non adican os recursos económicos necesarios á protección do medio mariño, nin tampouco poñen en marcha medidas efectivas para garantir a súa conservación.

- Teñen un rexistro de especies e de número de exemplares recuperados en todo este tempo? E cales son as especies máis comúns que pasan polas súas instalación e por que?

- Entre 1990 e 2014 vararon na costa galega máis de 5.600 animais, dos cales 438 estaban vivos. Dos animais que entraron en recuperación, foron devoltos ao mar o 58% dos lobos mariños e o 72% das tartarugas mariñas. Sen embargo, no caso dos cetáceos, debido á falta de instalacións e de medios axeitados, ningún dos exemplares en recuperación puido sobrevivir. Os éxitos cos cetáceos limítanse exclusivamente a rescates e reintroducións levadas a cabo na praia, xusto despois do varamento. Galicia precisa un centro de recuperación de fauna mariña. É algo que vimos reclamando incesantemente durante estes 25 anos.

- Neste tempo, mudou a mentalidade e a conciencia dos pescadores galegos respecto á explotación dos recursos mariños e a protección de determinadas especies?

- A CEMMA leva moitos anos traballando moi estreitamente co sector pesqueiro. Ao principio costou poder chegar ata eles, pero agora confían moito en nós, e a CEMMA considéraos un elemento indispensable dentro de moitas das súas actividades. Cada vez son máis os mariñeiros que nos entregan os golfiños que aparecen mortos nas súas redes. Isto xa indica algo: un cambio de percepción por parte do sector, e un aumento da súa sensibilidade ambiental.

Logo de ter realizado diferentes proxectos e estudos nos que traballamos cóbado con cóbado xunto cos mariñeiros, saíndo ao mar con eles e facendo enquisas para recoller información, consideramos que son plenamente conscientes da forte explotación dos recursos mariños que están realizando coa súa actividade, e mesmo tamén do impacto das capturas accidentais de cetáceos en artes de pesca. Tamén se amosan bastante receptivos e dispostos a colaborar na procura de solucións, sobre todo os mariñeiros máis novos, en temas como a redución da contaminación por residuos que se tiran ao mar. Pero trátase dun sector que non está unido, e que moitas veces non recibe o apoio axeitado por parte das administracións para cambiar de rumbo nalgúns aspectos da súa actividade. É unha pena, porque os resultados que se poderían chegar a acadar serían moi positivos para todos.

- Cada ano llo dedican a unha especie e este 2016 propuxeron que sexa o Ano da Candorca. Por que? Con que obxectivos?

- Por varias razóns. A candorca é unha especie pouco frecuente nas augas galegas, e en setembro do ano pasado tivemos a oportunidade de rexistrar dous avistamentos moi interesantes nas augas da Costa da Morte. Uns poucos meses despois, o Ministerio sacou a exposición pública un documento moi importante, o borrador do "Plan de Conservación de la Orca del Estrecho y golfo de Cádiz". Decidimos revisalo a fondo e presentar unha serie de alegacións, para tratar de que a especie poda contar cun plan de protección tamén no norte da Península, e non só na zona do Estreito.

Ademáis, a candorca é unha especie que, como lle acontece a outros animais, leva asociada unha mala imaxe, unha especie de lenda negra. De feito, non é raro atopar referencias á candorca como balea asasina.

E dende o 2013, tras a presentación do documental Blackfish púxose en marcha un movemento social solicitando o peche dos parques acuáticos que tiñan candorcas en cautividade.

Foron varios factores os que nos impulsaron a adicar o 2016 á candorca, sobre todo para dar a coñecer a especie, desmontar os falsos mitos que arrastra consigo dende hai moito tempo, e para tratar de impulsar a súa conservación.

-Moito se fala do cambio climático e das súas consecuencias. No que respecta ao seu traballo, cos cetáceos, teñen visto xa esas consecuencias ou é aínda pronto para falar de efectos do cambio climático nas especies? 

- Responder a esta pregunta non resulta doado, sobre todo porque no noso caso traballamos con series históricas de datos moi curtas, que non teñen máis de 25 anos. No caso dos cetáceos, aparentemente, non hai nada que sinalar. Sen embargo, na costa galega temos rexistrado a presenza de focas de casco, procedentes de Groenlandia e do Ártico. Quizais teña algo que ver co cambio climático. Haberá que seguir atentos aos rexistros e analizar máis detalladamente a situación.

- Se lle puxésemos unha valoración ao estado de conservación da nosa costa e do noso mar, que puntuación lle daría? E como valora as políticas locais, autonómica, estatal e europea para a protección das especies e dos ecosistemas mariños?

- Referíndonos ao medio mariño, deberiamos analizar por separado o estado de conservación do mar, e o da costa. A situación é moito peor e as ameazas aumentan a medida que nos achegamos ao litoral, xa que recibe dun xeito máis directo os impactos de orixe terrestre. Ademáis, non é o mesmo o tramo de costa dun grande núcleo urbano que o dos cantís da Costa da Morte, por exemplo. Habería moito que matizar.

En todo caso, a medida que saímos das rías e navegamos cara a fóra, a situación mellora. Sabémolo ben porque cando temos a oportunidade de realizar mostraxes e estudios nas augas oceánicas, mar adentro, estar alí fora é como estar noutro mundo, noutro planeta. Parece que todo é moi natural, moito máis salvaxe, que todo está mellor conservado e que está sometido a menos ameazas. Sen embargo, tamén se atopan signos evidentes de que non sempre é así, como por exemplo os numerosos residuos, sobre todo de plástico, que se atopan aboiando na lámina de auga, os verquidos de petróleo ou aceite...

En todo caso, o que está claro é que os diferentes gobernos, que son os que realmente deberían responsabilizarse da conservación das especies e os ecosistemas mariños, non o están a facer. Se non, a situación actual sería outra.

Sen embargo, neste caso igual habería que valorar dun xeito algo máis positivo determinadas políticas e accións que se están pondo en marcha a nivel europeo, e que moitas veces son a única medida de presión que obriga a levar a cabo melloras e actuacións a nivel local e autonómico.

José Cedeira, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños
José Cedeira, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños | Fonte: CEMMA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta