Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2024 | Actualizada ás 12:13
A taxa de supervivencia a un ano rexistra unha evolución á baixa en Galicia ata 2016, momento no que se torna positiva, coa excepción de 2019, en que diminúe "levemente", segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Esta taxa reflicte o número de emprendimientos por conta propia que seguen de alta laboral un ano despois do seu comezo. En 2013, situábase no 50,5%, mentres que en 2021 alcanzou o 55,7%; isto é, de cada 100 afiliacións dadas de alta en 2021 no réxime especial de autónomos en Galicia, 55 seguían en alta laboral o último día hábil de 2022.
Segundo o estudo sobre o emprego autónomo en Galicia, o peso do emprego por conta propia na comunidade galega é "elevado" se se compara co resto de comunidades.
Así, en Galicia o 19,4% das afiliacións rexistradas a último día hábil de decembro de 2023 pertencían ao réxime especial de autónomos, mentres que no conxunto estatal esta porcentaxe situouse no mesmo período no 16,1%.
De feito, Galicia ocupa o terceiro posto (empatado con outras dúas comunidades) se se ordena de maior a menor as autonomías en función do peso que ten este réxime especial de autónomos no conxunto das afiliacións da comunidade.
Das 212.918 afiliacións correspondente ao ámbito do emprego autónomo rexistradas en Galicia en decembro de 2023, o 13,1% realizaban actividades relacionadas co comercio polo miúdo.
Séguena en importancia a rama relativa a actividades relacionadas coa agricultura e a gandaría, que ocupa o 10,6% das afiliacións correspondentes a persoas que traballaron por conta propia en Galicia no mes en estudo.
A terceira rama con maior volume de emprego autónomo é a que aglutina ás actividades de restauración e en cuarto lugar están as de construción especializada.
As zonas con maior densidade de afiliación neste réxime son os concellos que conforman as comarcas de Xallas e Terra de Soneira (así como os de Muxía e Fisterra e Tordoia), o interior da provincia de Lugo e algúns diseminados polo interior de Ourense (preto das fronteiras con León e Portugal).
A grandes trazos, o IGE sinala que "pode dicirse que o emprego autónomo ten máis peso nas zonas rurais de Galicia, aquelas con menor densidade de poboación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.