Falece un mozo de 18 anos atropelado por un bus en Touro nas inmediacións da discoteca Dona Dana

Os feitos producironse na zona onde hai unha discoteca á que numerosas persoas acudiron a celebrar o Ano Novo: Dona Dana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2025 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Un mozo de 18 anos faleceu tras ser atropelado por un autobús en Touro, uns feitos que se produciron ao redor das 07.20 horas deste mércores, segundo informa o servizo de emerxencias 112. Un particular alertou do accidente, ocorrido na rúa de Castelao. Ao ter constancia do mesmo, os servizos de emerxencias avisaron a Urxencias Sanitarias 061.

Tamén á Garda Civil de Tráfico e ao Grupo de Voluntariado de Protección Civil de Touro. Os servizos de emerxencia desprazados ao lugar confirmaron o falecemento da vítima, sen poder facer nada por salvarlle a vida. Desde Protección Civil, confirmaron a Europa Press que se trata dun mozo de 18 anos e que os feitos se produciron na zona onde hai unha discoteca á que numerosas persoas acudiron a celebrar o Ano Novo. O atropelo, precisaron tamén, ocorreu preto dun paso de peóns e nas inmediacións da discoteca, onde se celebrou unha festa de Fin de Ano.

Discoteca Dona Dana en Touro
Discoteca Dona Dana en Touro | Fonte: Páxinas Galegas - Aquivo

Á súa vez, desde Protección Civil de Oroso, de onde era o mozo, confirmaron que facía pouco que se sacou o curso para formar parte da agrupación, pero que aínda estaba á espera de realizar unha actividade. Con mensaxes de condolencia desde diferentes ámbitos, e a declaración dun día de loito oficial no municipio, tamén se convocou a partir do mediodía un minuto de silencio ante o consistorio. Todo iso mentres se está á espera de concretar as causas e as circunstancias do sinistro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta