Por Galicia Confidencial | Ferrol | 04/03/2016 | Actualizada ás 12:00
A agrupación local socialista de Ferrol volve a vivir unha nova crise, desta volta, provocada polas diferencias entre os seus concelleiros. Tras as dimisións dos últimos días, a Executiva local reuniuse a última hora deste xoves para avaliar a situación e aceptar ou non a dimisión de Beatriz Sestayo, secretaria xeral, que foi rexeitada.
Na reunión deste órgano aprobouse o nomeamento de Paloma Rodríguez, exdeputada do Congreso, como secretaria de Organización, en substitución de José Luís Gómez Cobelo, que presentou a súa renuncia ao cargo hai xusto unha semana por discrepancias coas políticas levadas a cabo en Madrid.
Mentres, o avogado Julio Barros exercerá como secretario de Dereitos e Liberdades, en substitución de Masafret, e, ademais, Marine Nikoghosyan, militante do partido, actuará como nova vocal.
No comunicado, os socialistas enmarcaron as dimisións, que suman sete nos últimos meses, nun contexto de "absoluta normalidade" e suliñan que "a pluralidade forma parte do ADN ideolóxico do partido". “As discrepancias e diferenzas son normais nun equipo que leva traballando catro anos", indican.
Precisamente, a última crise xurdiu tras a dimisión de Marta Masafret Méndez, membro da Executiva socialista, pola decisión tomada no pleno do xoves 26 de febreiro pola propia Sestayo e o concelleiro Bruno Díaz, que deixaron o escano antes do debate da moción que presentou o PP para apoiar a firma do posible contrato entre Navantia e Arabia Saudita por cinco corvetas.
Nese pleno permaneceron no seu escano, entre os edís do PSOE, Rosa Méndez, concelleira de Patrimonio Histórico e nai de Marta Masafret, ademais de María Fernández Lemos e Felipe Sas, que nas eleccións de maio concorreron como independentes.
Os socialistas de Ferrol aprobaron na Executiva deste xoves continuar coa liña da súa secretaria local e “ausentarse" no debate de calquera moción que "busque sacar rédito político con hipocrisía ante a necesidade imperioso de carga de traballo” na comarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.