Palabra de mestre ferrador

Un documental recolle a vida de Antonio Pérez Gregorio, ferrador durante 72 anos na Cañiza. A peza foi presentada este sábado polo seu autor, o doutorando Fernando Groba.

Por Galicia Confidencial | A Cañiza | 06/03/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Antonio Pérez Gregorio ten 94 anos, vive na Cañiza e dedicou 72 anos da súa vída ao oficio de ferrador de gando equino e bobino. Agora, Antonio é o protagonista do documental "Mestre Ferrador", no que narra a vida e a arte do seu oficio no seu propio taller. Quen lle dá voz é o doutorando Fernando Groba, da Universidade de Vigo, quen presentou este sábado, na Cañiza, esta peza audiovisual.

Antonio Pérez Gregorio traballour durante 72 anos como mestre ferrador
Antonio Pérez Gregorio traballour durante 72 anos como mestre ferrador | Fonte: DUVI.

Ao longo de 40 minutos, Antonio Pérez narra a súa experiencia como ferrador, oficio ao que se dedicou dende que tiña 14 anos de idade. Antonio detalla a súa técnica de ferraxe, a súa vida militar como ferrador, as diferenzas entre as ferraduras que el facía (incluso ortopédicas) e as industriais, os problemas e virtudes dos cascos dun cabalo de Pura Raza Galega e mesmo o funcionamento e partes da fragua, informa María del Carmen Echevarría.

“Eu coñecía a Antonio había moitos anos. Meus pais tiñan un bar e tiñan cabalos. El ferráballe os cabalos que tiña meu pai e os dos veciños, que se apuntaban ao saberen que viña o ferrador. Así e todo, eu era un cativo, o tempo pasou e había moitos anos que non sabía nada del”, explica Fernando Groba, doutorando de segundo ano do programa de Estudos Lingüísticos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, 

Tras anos sen ter ningún contacto, Fernando e Antonio reencontráronse hai uns meses cando o futuro doutor volveu á Cañiza a facer unhas entrevistas para a súa tese sobre terminoloxía e lexicoloxía equina en galego. “Un mozo díxome que se quería saber palabras sobre cabalos, burros e mulas, que tiña que falar co ferrador, que aínda andaba por alí. Conseguín localizalo e fun dúas tardes falar con el para recadar toda a información que puidese resultar interesante para a miña tese”, explica Fernando Groba no diario da Universidade de Vigo.

Estrea e Petelo de Ouro

Así, contactou co director técnico da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega, Antón Vázquez Corral, para convidalo a valorar o testemuño daquel home de 94 anos, que ferrou desde que tiña 14 anos, que foi mestre ferrador durante o servizo militar, que forxaba as súas propias ferraduras pola noite e colocábaas polo día e que chegou a pór 120 nunha soa xornada. En menos de dous meses comezou a gravación do documental "Mestre ferrador", que este sábado 5 de marzo se presentará nun acto, no que o Concello de A Cañiza fará entrega do Petelo de Ouro a Antonio Pérez, que tamén será nomeado Cañicense Exemplar.

Antonio Pérez Gregorio, mestre ferrador de A Cañiza, no seu taller
Antonio Pérez Gregorio, mestre ferrador de A Cañiza, no seu taller | Fonte: DUVI.

Como estudoso da terminoloxía e lexicoloxía equina en galego, Groba pronto tivo claro que non podía deixar morrer un testemuño tan interesante para o mundo equino e cultural galego. "Cun home con tanta sabedoría e cun lugar que escondía tanta historia, era unha verdadeira mágoa deixalos desaparecer”, explica o filólogo. Pero máis aló do relato de Antonio Pérez, ao longo do seu itinerario de entrevistas para a tese, Fernando Groba asegura que atopou moita xente verdadeiramente interesante “con historias que revelan a importancia que tivo e ten o sector equino en Galicia”. 

En canto ao proceso de gravación de Mestre Ferrador, Groba explica que o tempo transcorrido entre o primeiro contacto con Antonio e o inicio foi de case dous meses, un tempo que aproveitou para, entres outras cuestións, procurar un bo cámara a un bo prezo e ensinarlle o lugar e valorar todo o necesario para unha gravación óptima, preparar a entrevista, etc.

Para Antonio poñerse, aos seus 94 anos, por primeira vez diante dunha cámara foi toda unha experiencia, “aínda que algo desconfiado ou reservado, amosábase disposto a colaborar e en moi boas condicións físicas e mentais”, explica Fernando. Esa actitude, sumada á habelencia do cámara e unha boa organización fixo posible precisar só dunha tarde de rodaxe “para recoller todo aquilo que considerabamos interesante”.

O documental, que foi codirixido e coproducido por Fernando e Antón Vázquez, contou coa produción executiva da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega.

Fernando Groba, autor do documental 'Mestre Ferrador'
Fernando Groba, autor do documental 'Mestre Ferrador' | Fonte: DUVI.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta