Por Europa Press / Redacción | ZARAGOZA | 15/01/2025 | Actualizada ás 16:58
O presidente do Goberno de Aragón, Jorge Azcón, obsequiou ao seu homólogo galego, Alfonso Rueda, coa cesión en depósito á Xunta de Galicia dun documento que explica "como a Virxe María se lle presentou ao Apóstolo Santiago" en Zaragoza.
Este texto, que ten 400 anos de antigüidade, relata en castelán e latín a aparición que deu orixe á que hoxe é a patroa da capital aragonesa, a Virxe do Pilar. "Confiamos en Galicia e ímosvolo a depositar", expresou o presidente aragonés. "Coidarémolo", respondeu Rueda, quen regalou a Azcón unha figura que representa a un peregrino do Camiño de Santiago.
Azcón destacou o simbolismo de ambos os obsequios, xa que Aragón é a porta de entrada en España dos peregrinos no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Proba diso é a ornamentación coñecida como 'axedrezado jaqués', con cadrados que emulan a este xogo de mesa, que desde Jaca se foi estendendo por todo o Camiño ata a capital galega.
Por iso, díxolle a Rueda que, cando cheguen os peregrinos a Santiago, case medio millón no último ano, "se acorden tamén de nós", en referencia aos aragoneses. O presidente da Xunta expresou a súa honra por ter en depósito un documento que une a Virxe do Pilar co Apóstolo Santiago, que é "tanto como unir Aragón con Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.