Por Galicia Confidencial | Lugo | 08/03/2016 | Actualizada ás 13:00
Galicia, coma Escocia, tamén terá a súa propia película sobre a guerra que enfrentou a castrexos e romanos hai máis de 2.000 anos. Unha proxecto cinematográfico galego producido por Luis Tosar e Farruco Castromán, da produtora ZircoZine, e que pretende ser a “primeira superproducción galega”, ambientada nesta época.
O argumento de Galaicus, que así se chamará o filme, foi consecuencia da inspiración do actor galego Rubén Riós e conta a historia de amor entre un comandante romano e unha raíña celta que vive na Gallaecia. Está ambientada no ano -137, na chegada a Gallaecia do procónsul Décimo Xunio Bruto Galaico, personaxe que encarnará Luis Tosar.
A presenza dos romanos sáldase cunha batalla contra os galaicos na que morre o príncipe galaico Vetilo. Canto a súa vivúva reclama o seu corpo, tanto o comandante do exército como o procónsul namóranse dela. O conflito amoroso resólvese tamén a golpe de espada cando Máximo se converte en líder dos guerreiros galaicos e se enfronta ó poder de Roma. A película completarase coa edición dun cómic e a realización dun documental didáctico.
Parte da rodaxe de Galicus transcorrerá en Lugo durante o ano 2017, e aparte de ZircoZine na súa coprodución estará tamén implicada Apaches, a produtora de filmes como O Imposible. Este proxecto leva anos agardando a materializarse xa que foi presentado en 2011 cun custe de catro millóns de euros. Sen embargo, distintas dificultades atrasaron a súa materialización.
O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo mantivo este luns un encontro con Farruco Castromán, representante do produtora audiovisual galega ZircoZine. Nesta xuntanza o Delegado de Cultura aproveitou para coñecer de perto o proxecto cinematográfico, coa que a Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora cun convenio plurianual de 51.000 €. “Este proxecto encádrase no noso interese por fomentar o audiovisual galego e por conseguir que a provincia de Lugo e os seus enclaves naturais e paisaxísticos se coñezan e sexan protagonistas nos filmes galegos” dixo Ferreiro.
Zircozine participou na película “A cambio de nada”, que vén de ser galardoada con 2 Goyas, logo de obter 6 nominacións a este premio do audiovisual. Así mesmo, próximamente estrearase o filme “Toro” que ten como protagonistas a Luis Tosar e a Mario Casas, e será distribuída por Universal Pictures, e que conta tamén con ZircoZine na súa producción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.