Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2025 | Actualizada ás 19:37
Un total de 458 centros escolares, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas durante este curso con apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. Isto supón un aumento do 11% tras a incorporación de 47 novos centros.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, subliñou este venres que estes datos corroboran a "boa acollida" entre a comunidade educativa deste programa "que crece ano a ano".
De feito, esta iniciativa acolle os obxectivos fixados no novo programa de mellora da competencia lectora da Xunta, a través do cal se fixa un tempo dedicado a lectura na aula, impúlsase a oratoria e o debate e promóvese o intercambio de boas prácticas neste ámbito.
Judith Fernández subliñou que mediante este programa impúlsase unha "aprendizaxe multidisciplinar", onde se consolidan os hábitos lectores, foméntanse as competencias básicas do alumnado como a comunicación lingüística social, cultural ou artística, así como o traballo en equipo e o diálogo interxeneracional ao estar abertos á participación das familias.
Por provincias, 171 dos centros integrados no programa son da Coruña (19 de nova incorporación este curso), 65 de Lugo (sete novos), 54 de Ourense (catro novos) e 168 de Pontevedra (17 novos).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.