Christian, o 'tiktoker' que creou o seu propio 'Aquí no hay quien viva' á galega nas redes

Baixo o nome de @elpelukerodetiktok, este mozo de 28 anos que conta co seu propio salón de peiteado en Pontevedra amosa as súas dotes cómicas e para o monólogo nunha canle que xa ten máis de 56.000 seguidores. O GC fala con el dos seus comezos, inspiración e expectativas a futuro.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 25/01/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Coñeces a serie 'Aquí no hay quien viva'? E 'La que se Avecina'? Pois se queres matar o 'gusaniño' da falta de novos capítulos unha vez xa viches todas as tempadas, tes unha conta en Tik Tok que non te podes perder: ElPelukeroDeTikTok (@elpelukerodetiktok). Sisi, por raro que soe con ese nome, trátase dunha versión monologada destas míticas series españolas de comedia. Á fronte desta canle que xa conta con máis de 56.000 seguidores está Christian, un mozo de Pontevedra que, aos seus 28 anos, xa rexenta un salón de peiteado en propiedade na cidade e, ademais, no seu tempo libre sobe vídeos de humor que versan sobre unha comunidade de veciños (ficticia ou non) ás redes sociais. Vídeos que se fan virais en cuestións de segundos, upados polo carisma deste novo e polas súas dotes para narrar historias coas que todos nos podemos sentir identificados. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con el para que nos conte como decidiu comezar esta serie de vídeos e cales son as súas expectativas a futuro.

ElPelukeroDeTikTok
ElPelukeroDeTikTok | Fonte: Instagram

"Eu comezo nas redes durante o confinamento", conta Christian ao GC, se ben apunta que "por aquel entón non facía o mesmo tipo de contido que agora, senón que creaba un contido moito máis relacionado coa miña profesión, compartindo o que facía na perruquería". Perruquería que sempre estivo seguro de que quería ter, dende que a súa avoa, tamén perruqueira, lle puxo o seu primeiro cepillo entre as mans. Con todo, tampouco tivo na mente nunca facerse coñecido con isto, senón máis ben, "tratábase de dárlle publicidade á perruquería". Sen embargo, aproveitando a súa creatividade e enxeño, chegou un intre no que "decidín engadirlle a ese contido un xogo de prezos, creando uns prezos para o que facía moi altos e esaxerados, para lograr que a xente se sorprendera e respostara ao vídeo, pois o importante era que comentaran, para que fose chegando cada vez a máis e máis xente". Así foi como Christian comezou a obter os seus primeiros vídeos virais. Aínda que confesa que "viñeron moitas clientas novas ao salón despois de ver o contido, non todo era bo, porque tamén había xente que cría que o que contaba nas redes era certo". E aínda que o contenido funcionaba ben, unha vez a comunidade creceu, Christian decidiu ir un paso máis aló.

"Eu son unha persoa bastante creativa e non paro quieto, polo que unha vez logrei ter un perfil nas redes que xa me estaba gustando, pensei en sacalo do meu traballo, no que xa estaba todo o día e para o que xa tiña unha rede social laboral, e destinar esa conta para un contido máis creativo", explica. Así que comezou creando unha historia baseada en cousas que todo o mundo pode vivir, situacións da vida cotiá que todo aquel que viva nunha comunidade de veciños ten sufrido ou pode chegar a sufrir. Pero, son as situacións que narra Christian reais, que lle aconteceron a el en primeira persoa, ou froito da súa imaxinación? Como nos di, "eu sempre deixo que a xente interprete o que fago como mellor lle pareza, xa sexa de xeito real ou imaxinativo, porque á fin e ao cabo son historias que perfectamente poderían ser reais ou tamén poderían ser ficticias". Asegura que "sempre recibo un feixe de comentarios de xente que me pregunta se o que conto é real e, aos que podo contestar, que non é a todos, porque recibo moitos, sempre lles digo que o deixo á súa imaxinación, porque esa é tamén a graza do meu perfil, que a xente poda conectar dalgunha forma coas historias, e haberá xente que as vexa porque cre que son reais e se identifica, e xente que as vexa porque son ficticias e se entretén".

UNHA COMUNIDADE CON MÁIS DUNHA DECENA DE PERSONAXES, TODOS CO SEU CORRESPONDENTE AVATAR E PERSONALIDADE

O que si confesa é que as series españolas de grande éxito 'La que se avecina' e 'Aquí no hay quien viva' foron fonte de inspiración, porque "tamén son comunidades, e nas comunidades sempre vai haber cousas boas e cousas malas nas relacións entre os veciños". Agora ben, aínda que se inspirase nestas series, tivo que crear a súa propia versión adaptada ao formato monólogo. Monólogos que adoitan ter varios minutos de duración e que Christian grava de maneira ininterrompida, todo de seguido. Como o fai? Ten un guión? Pois o certo é que "se digo a verdade, xuro que non me preparo nada, fago todo de seguido, boto todo o tempo falando", afirma, asegurando que "non anoto nin sequera nunha libreta", polo que "só gravo cando teño inspiración, non todos os días, senón cando se me vén algunha idea á cabeza ou vivín unha situación susceptible de converter en monólogo". Iso si, este tiktoker aproveita moito a actualidade tamén para crear contido, de maneira que se o que está acontecendo é o Nadal de Vigo, xera un monólogo ao redor do mesmo, ou se se está xogando a lotaría de Nadal ou é tempo de ir á praia, por exemplo. Deste xeito, tamén é máis doado para os seus espectadores interesarse polo tema ou vivir situacións semellantes en cada época.

Ademais das propias situacións, Christian tamén creou toda unha serie de personaxes, que xa superan a decena, e que se supón que son os seus veciños de comunidade, cada un do seu pai e da súa nai, coa súa personalidade e o seu temperamento. "As personaxes que eu poño nas redes sociais, obviamente, son bonecos que eu mesmo xero, non quero tampouco poñer nin nomear a persoas reais", explica. De todos eles conta ata cun debuxo a ordenador dun edificio no que vai colocando os diferentes avatares de cada personaxe dentro de cada piso, para que a xente non se perda mentres fala. E é que agora xa hai un considerable número de veciños. "Ao final a conta foi crecendo naturalmente, e fun xerando personaxes tamén segundo demanda, porque a min moita xente tamén me dicía que se imaxinaba a tal persoa ou a súa face, polo que, ao final, decidín crear eu mesmo os avatares tal e como os tiña na cabeza, para que quen me ve os poida imaxinar tal e como eu os concibo", apunta, e amósase aberto a crear novas personaxes e historias se a xente lle pide algo e cre que pode encaixar no universo xa creado.

ESAXERADO ACENTO GALEGO PARODIANDO A FORMA EN QUE PENSAN MOITOS QUE FALAMOS OS GALEGOS CANDO EMPREGAMOS O CASTELÁN

Outra das características que fai diferencial dos demais á canle de Tik Tok de Christian é a entoación que pon durante os monólogos, cun esaxerado acento galego. Ao preguntarlle por el, coméntanos que escolleu facelos así porque "a min, persoalmente, o acento galego gústame e porque miña avoa na casa falaba cun acento máis pechado e esaxerado, así que guieime por como ela fala cando me puxen a crear contido en clave de humor"; pero, por outra banda, tamén é como unha parodia para "toda esa xente que pensa que todos os galegos temos ese acento cando falamos en castelán". De cara ao futuro, ElPelukeroDeTikTok promete que seguirá innovando, porque "son unha persoa moi creativa e nunca paro quieto, gústame ser innovador e todos os días estou pensando en cousas novas e anotando todo o que se me pasa pola cabeza".

Con todo, amósase seguro de que "a miña profesión é a de perruqueiro, é o que sempre quixen facer e o que me gusta, polo que isto non é máis que un hobby, e así é como o vexo, non busco tampouco chegar a vivir disto nin me obsesiono con medrar dentro da rede social". "Se ten que pasar, que pase, pero non é algo que vaia buscando conscientemente; se a comunidade segue medrando e me propoñen cousas que me poidan interesar e que encaixen co meu contido, pois tampouco me pecho portas", indica Christian. A modo de exemplo, pon o caso máis recente que lle aconteceu: ofrecéronlle ir a dous programas de Telecinco e "non aceptei, porque para o que me chamaron non tiña nada que ver co contido que fago ou co que quero chegar a facer nun futuro". Así, amósase convencido de que "todo o que veña sempre será bo, pero quero ser eu o que teña a oportunidade de elixilo, e que sexa algo enfocado ou ben no meu traballo ou neste hobby".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta