A Xunta amplía a alerta vermella a todo o suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra

A borrasca obrigou a cancelar e desviar voos nos tres aeroportos galegos, ademais de suspender o tráfico ferroviario no norte da comunidade

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2025 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A Xunta ampliou a alerta vermella por temporal costeiro para este luns ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra, que xa se había activado para este domingo no noroeste e oeste da costa coruñesa e que continuará na xornada deste luns 27 debido á borrasca 'Herminia'.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella estará activa desde este domingo no noroeste e oeste da Coruña por mar combinado con ondas de ata 12 metros e prolongarase ata as primeiras horas deste martes.

Aínda que se prevé que no suroeste da Coruña e no litoral de Pontevedra o temporal costeiro empezo durante o mediodía deste luns, tamén se alongará ata o martes por ondas que poden alcanzar os 10 metros de altura.

Cabe lembrar que durante a xornada deste domingo mantense a alerta laranxa por refachos de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, alerta que tamén se estende ao oeste e ao interior da provincia coruñesa.

Teito da piscina municipal de Noia levantado
Teito da piscina municipal de Noia levantado | Fonte: GC

PRINCIPAIS INCIDENCIAS REXISTRADAS

Na provincia da Coruña, a máis afectada, contabilizáronse 94 intervencións, seguida de Lugo (52), Pontevedra (28) e Ourense (13). A maior parte das actuacións estiveron relacionadas coa caída de árbores e ramas nas estradas (98), presenza de obxectos nas vías (21) e cables soltos (18). Ademais, atenderon 13 incidencias por derrubes e levaron a cabo 17 intervencións preventivas para evitar danos maiores.

En Pol (Lugo), un vehículo chocou contra unha árbore caída na LU-750, que bloqueaba a vía por completo. O accidente saldouse sen feridos.

Por outra banda, en Noia os fortes refachos de vento levantaron o tellado da piscina municipal

ACTIVACIÓN DO PLAN INUNGAL

As condicións meteorolóxicas adversas levaron á activación da alerta vermella no litoral norte de Galicia desde as 18:00 horas deste domingo, cun mar combinado de entre 10 e 12 metros. Paralelamente, Meteogalicia advertiu de refachos superiores aos 100 quilómetros por hora en zonas costeiras e visibilidade reducida en todo o litoral, desde A Guarda ata Ribadeo.

Varias persoas con chuvasqueiros durante o paso dunha borrasca
Varias persoas con chuvasqueiros durante o paso dunha borrasca | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

A Xunta activou o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións (Plan Inungal) para monitorizar o nivel dos ríos. Actualmente, as estacións de Oitaven (Soutomaior) e Lérez (Pontevedra) superan os limiares establecidos para o seguimento.

O vento máis intenso foi rexistrado en Punta Candieria (A Coruña), cun refacho de 162,5 km/h ás 08:40 horas. En canto ás precipitacións, o municipio de Santa Comba acumulou 110,3 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máis baixa foi de -2ºC na localidade ourensá de Manzaneda.

AFECTACIÓN NO TRANSPORTE

As adversidades meteorolóxicas tamén provocaron suspensións no transporte ferroviario de media distancia no traxecto A Coruña-Ferrol, afectando varios trens ao longo do día. Dende a estación ferrolana, tamén se suspendeu a liña Ferrol-Ribadeo-Oviedo durante toda a tarde, segundo indicou Renfe a través da rede social 'X'.

transporte marítimo entre Moaña, Cangas e Vigo foi cancelado ata novo aviso debido ás condicións no mar.

As autoridades instan á cidadanía a extremar as precaucións e a evitar desprazamentos innecesarios mentres dure o impacto da borrasca.

A borrasca obrigou tamén a cancelar e desviar voos nos tres aeroportos galegos, ademais de ocasionar atrasos no tráfico aéreo. En total, o aerporto do Vigo desviou tres voos e cancelou outros sete A imposibilidade de tomar terra no aeroporto de Peinador levou a que tres voos tivesen que regresar a Madrid.

Pola súa banda, en Santiago un total de seis voos víronse desviados e as condicións meteorolóxicas ocasionaron diferentes atrasos no transito aéreo. Así mesmo, no aeroporto de Alvedro, na Coruña, tres voos tiveron que ser cancelados e un desviado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta