Por Europa Press / Redacción | MADRID | 27/01/2025 | Actualizada ás 13:46
A semana comeza con choiva en practicamente toda a Península salvo na área mediterránea, segundo explicou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Rubén del Campo. A partir do martes, o vento amainará e o temporal marítimo irá a menos, pero a chegada dunha nova borrasca o mércores dará lugar de novo a ventos moi fortes e un novo temporal marítimo, ao que se sumarán ventos do norte fríos que provocarán nevadas copiosas en zonas de montaña.
O xoves tamén nevará e farao ademais en áreas máis baixas, pois a cota podería quedar situada entre 500 ou 700 metros. De face ao fin de semana, a situación tenderá a ser máis estable, sen demasiadas choivas, aínda que si que podería chover no Cantábrico e no Mediterráneo. En liñas xerais, as temperaturas serán algo máis altas, pero haberá xeadas nocturnas.
O portavoz de AEMET detallou que a borrasca 'Herminia' está a provocar un temporal de vento moi intenso con refachos que xa durante o domingo foron huracanas en zonas do terzo norte da Península, sobre todo en áreas montañosas e da costa. O martes haberá temporal marítimo, con ondas de cinco a oito metros en Galicia e as comunidades cantábricas. A cota de neve baixará ata os 800 metros no norte e ata os 1.000 ou 1.200 metros no sur, nun día no que nas montañas do centro peninsular e a metade norte poderían acumularse dez centímetros de neve.
O mércores, a chegada dunha nova e profunda borrasca dará lugar outra vez a ventos moi fortes, sobre todo no noroeste peninsular, tal e como especificou o portavos de AEMET. Estes poderán ser tempestuosos en zonas de montaña e de costa. Así mesmo, tamén se dará un novo temporal marítimo con ondas que poderán superar o seis ou oito metros nas costas do norte. O vento deixarase sentir con algo menos de intensidade no resto do territorio.
A FIN DE SEMANA SERÁ MÁIS ESTABLE, PERO SEGUIRÁ O FRÍO INVERNAL
Del Campo avanzou un cambio para o xoves, xa que comezarán a chegar ventos do norte que arrastrarán aire máis frío ata latitudes españolas. Neste marco, rexistraranse precipitacións en amplas zonas da metade norte da Península. No que respecta á cota de neve, esta só baixará ata tan só 500 ou 700 metros no oeste peninsular e ata uns 1.000 metros no leste e no arquipélago balear.
As nevadas serán copiosas en zonas de montaña da Península, así como en áreas próximas, e probablemente tamén poida nevar en lugares amplos da mesera norte. Por tanto, a neve poderá afectar a grandes vías de comunicación do norte e centro, principalmetne. Por outras parte, haberá refachos fortes de vento na metade norte e as temperaturas baixarán, con xeadas en áreas montañosas así como en puntos da meseta norte e páramos do centro. Na fin de semana é probable que a situación tenda a unha maior estabilidade.
METEOGALICIA MANTÉN OS AVISOS NAS PRÓXIMAS XORNADAS
Pola súa banda, para este martes, Meteogalicia espera que o temporal vaia amainando no mar e en terra, pero aínda así se manterá nas primeiras horas da xornada, entre as 00.00 e as 9.00 horas, o aviso amarelo por refachos que poden superar o 80 km/h. Así mesmo, espérase neve en cotas baixas (por encima dos 800 metros) en varias zonas de Galicia, con acumulacións superiores aos 10 centímetros na montaña de Lugo e Ourense. Por ondada, nas primeiras horas do día, manterase a alerta vermella no litoral do noroeste da Coruña, na Costa da Morte e nas Rías Baixas (por ondas de 8 a 9 metros). Posteriormente, ao longo da xornada, espérase que a situación mellore, aínda que as distintas zonas da costa galega seguirán en alerta laranxa ou amarela por ondada.
Xa o mércores, o instituto meteorolóxico autonómico informa de que unha nova borrasca chegará á comunidade. Así, haberá aviso amarelo por refachos de vento superiores aos 70-80 km/h en distintas zonas da Coruña e Pontevedra entre as 00.00 horas e as 15.00 horas. O nivel de alerta será tamén amarelo para precipitacións e neve, mentres que o aviso será laranxa por vento no mar e ondada no litoral galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.