Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/03/2016 | Actualizada ás 18:53
Antonio Álvarez Rodríguez vive a cabalo entre Vigo, onde naceu e traballa, e A Coruña, onde estuda o Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática na UDC. Este informático galego vén de gañar o certame Master the Mainframe 2015, que cada ano organiza IBM España. Grazas a este premio, a Antonio Álvarez participará na final mundial de IBM deste ano, na que competirá cos demais gañadores da edición local de cada país.
A entrega do premio tivo lugar o pasado 4 de marzo durante o evento “IBM z Systems redefine el negocio digital”. Este certame anual está aberto a todos os estudantes universitarios en todos os grados, mestrados ou equivalente, tanto en titulacións oficiais como propias da universidade. O concurso permite aos estudantes ter un primeiro contacto coa plataforma de computación mainframe de IBM, mostrar seu talento, gañar premios e adquirir experiencia nun sistema presente nos procesos críticos de negocio das maiores empresas do mundo, informa a UDC.
Os mainframe son ordenadores de moi altas prestacións que se utilizan para tratamentos de datos e para cálculos moi voluminosos e complexos, que requiren un sistema robusto e capaz de manterse funcionando longos períodos de tempo e garantir a continuidade dos procesos críticos das organizacións. Estes equipos teñen características moi específicas e diferentes do resto de ordenadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.