Abandono do rural e envellecemento, ingredientes perfectos para as bandas criminais

A práctica do roubo en vivendas con violencia cara os moradores para substraerlles diñeiro e obxectos de valor xa deu varios exemplos nos úlimos meses. Xinzo de Limia, Lobios ou Meis son os últimos exemplos dunha práctica que nalgúns casos son “de extrema violencia” para as autoridades.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2025 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

Os asaltos a casas unifamiliares por parte de grupos delictivos están mostrando novas maneiras de roubo até o de agora pouco frecuentes en Galicia. Un dos últimos feitos, o asalto a unha vivenda en Meis, foi descrito polo subdelegado do Goberno, Abel Losada, como extremadamente violento e sen precedentes “nin encaixa entre os parámetros de delitos similares en roubos a vivendas durante os últimos anos na provincia”. E isto que sinalaba Abel Losada parecería ir en paralelo á comisión de roubos e outros actos delituosos noutras partes da Península realizados por bandas organizadas do Leste. Porén, o caso de Meis segundo as testemuñas aportadas, as persoas asaltantes tiñan acento galego. Sen descartar orixes extragalegas, mesmo de fóra da Unión Europea, un número destacado de asaltantes seguen a ser persoas con algunha relación de cercanía alí onde cometen os roubos e asaltos.

Garda Civil mira a pantalla dun computador.. GARDA CIVIL
Garda Civil mira a pantalla dun computador.. GARDA CIVIL

INSEGURIDADE ENTRE A POBOACIÓN
O asalto a unha vivenda particular en Lobios, onde os perpetradores puideron levar 9.000 euros despois de agredir a un empresarios da construción, fai temer aos veciños e veciñas por futuras accións. “Desde logo que foi algo sorprendente porque este era un lugar onde non acontecían feitos así” di Pablo Rodríguez, veciño da parroquia de Araúxo e promotor dunha iniciativa de recuperación etnográfica e económica da contorna do lugar de Puxedo.

Preguntado se o asalto mencionado pode aumentar a sensación de inseguridade entre a cidadanía, Rodríguez considera necesario incrementar o control e vixilancia das autoridades. “É necesario aumentar a presenza da Garda Civil porque non se explica o peche de cuarteis, o máis perto que temos é o de Calvos de Randín e a patrulla tarda en chegar uns corenta minutos”. Sobre este cuartel de Calvos de Randín, a información que aparece na rede é de “permanentemente pechado” e nas Páxinas Amarelas pon horarios de atención ao público os martes e xoves de 09:00 a 14:00.

Aínda máis, en Lobios existía unha unidade fiscal e de fronteiras da Garda Civil que foi agrupada coa unidade existente en Verín. Agora mesmo en Lobios quedan as oficinas de atención á cidadanía e o Seprona e as primeiras atenden ao público de 09:00 até as 14:30. “A sensación é de desamparo e por iso pedimos o refozo das unidades porque agora mesmo só Lobios e Bande temos postos da Garda Civil”.

“Non podes deixar aberta a porta da casa nin estando a cen metros” di Ángel Rodríguez da Asociación de Veciños de Santa Eulalia de Esperante, en Lugo. Hai anos, as diferentes parroquias do Concello de Lugo estiveron moi alerta ante o elevado número de roubos en vivendas. “Aproveitaban que estabas fóra da casa, aínda que só fose uns metros, entraban e cando caías na conta, xa se foran”.

A droga e o diñeiro intervido. GARDA CIVIL
A droga e o diñeiro intervido. GARDA CIVIL

Houbo accións desenvolvidas polos veciños como sacar fotografías a quen entraba nas casas, estar alerta por se aparecía algún vehículo que non era coñecido. “Mesmo chegaron a arrimar unha furgoneta a unha casa para levar metais” di Rodríguez. Tamén houbo peticións para aumentar a vixilancia policial: “agora vemos máis coches patrulla” e tamén “houbo unhas conferencias da Policía para dar consellos contra os roubos como pechar ben as casas, ollo cos descoñecidos, con persoas que veñan ofrecendo algo e as chamadas de números que non coñecemos”.

MENOS PROTECCIÓN?
As competencias en canto seguridade no rural son da Garda Civil. A día de hoxe tanto veciños, partidos políticos e outros representantes cívicos denuncian o perigo que leva canda si o peche de postos da Garda Civil que se están efectuando nos últimos anos. Así o denunciaban desde Lobios e así o denuncian desde varias localidades que agora só teñen presenza deste corpo durante unhas horas por día.

O abandono do rural ademais da caída no padrón en moitos municipios é parte da resposta a este peche. Mais alén diso, desde a Asociación Unificada de Guardias Civiles en Galicia (AUGC), consideran que se está desmantelando este corpo “desde abaixo”. “Aínda que as nosas competencias están ben definidas na Ley Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Fuerzas y Cuerpos de Seguridad, realmente estannos a quitar competencias pola vía dos feitos”.

Unha desas posibles vías é a asunción das tarefas de seguridade por parte da Policía Nacional nalgúns concellos onde a Garda Civil está vendo reducida a súa presenza. “Arteixo xa pediu unha comisaría da Policía Nacional porque o cuartel abre de luns a venres de 08:00 até as 22:00” e os sábados de 08:00 a 14:00. Igualmente o Sindicato Unificado de Policía e políticos do Concello de Ames reclamaban a creación dunha comisaría de Policía Nacional ante o aumento do número de habitantes.

Diante desta situación, a AUGC reclama unha reestructuración que implique a resposta máis inmediata posible ante accións delictivas. “Actualmente a cobertura faise con núcleos operativos onde se garante que unha patrulla teña o apoio dun maior número de efectivos”. De todas maneiras, son varias as ocasións en que os tempos de resposta demoran máis dos 30 minutos.

Sobre os grupos delituosos detrás de asaltos como os mencionados, a AUGC apunta desde persoas ailladas a grupos que estudan determinadas vivendas e o comportamento dos seus habitantes. Por outra parte, algunhas destas bandas están organizadas de tal maneira que teñen observadores nun lugar mentres eles están a quilómetros de distancia. Unha vez estudado e descrito a víctima poden desprazarse desde lugares moi distantes para realizar un asalto e logo volver ao punto de orixe. Mesmo as bandas poden especializarse en roubos a instalacións como son os caixeiros automáticos: mediante explosivos ou uso de maquinaria pesada. Preguntados sobre isto, os veciños consultados aseguraron que nin perdo de onde viven se deu un caso así.

A sensación imperante en áreas semiurbanas e rurais é de desprotección e inseguridade ante posibles asaltos a vivendas ou negocios. Asociacións da Garda Civil reclaman unha reestruturación do modelo de seguridade sobre o rural e que non se lles retiren competencias en seguridade. Mentres, desde equipos de goberno local e asociacións cívicas piden que non se pechen postos da Garda Civil como vén acontecendo desde hai uns anos.

Arquivo - Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo.. GARDA CIVIL - Arquivo
Arquivo - Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo.. GARDA CIVIL - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta